Nova
23/08/2019
Institucionais

Asinado o convenio de colaboración para a adaptación como aseos do espazo baixo as gradas do pavillón municipal do Sequelo (Marín)

Segundo o acordo, a obra terá un orzamento global duns 17.249,12 euros dos que a Xunta de Galicia achegará 13.408,20 euros na presente anualidade e o concello achegará os restantes 3.840,92 euros

Marín (Pontevedra), 23 de agosto de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, vén de asinar coa alcaldesa de Marin, María Ramallo, o convenio de colaboración polo que a Xunta de Galicia e o concello marinense levarán a cabo a adaptación como aseos do espazo baixo as gradas do pavillón municipal do Sequelo. Segundo o acordo, a obra terá un orzamento global duns 17.249,12 euros dos que a Xunta de Galicia achegará 13.408,20 euros na presente anualidade e o concello achegará os restantes 3.840,92 euros.

A obra permitirá optimizar o uso e o benestar dos deportistas que utilicen unhas instalacións tan importantes para Marín como as do pavillón municipal do Sequelo. A zona na que se actuará e se procederá á creación dos novos aseos que terán unha superficie duns 40 metros cadrados, atópase no espazo existente baixo as bancadas do pavillón, actualmente utilizada como almacén.

Ademais, recentemente, o Concello de Marín vén de adxudicar por 11.295,35 euros o contrato de subministro de pantalla led para outra das infraestruturas deportivas de meirande importancia do municipio, o pavillón da Raña. A instalación do marcador do pavillón da Raña é posible grazas ao convenio de cooperación entre a Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Marín asinado o pasado 14 de xullo de 2019.

A Secretaría Xeral para o Deporte realiza unha aposta decidida neste 2019 polas infraestruturas deportivas. Nos orzamentos iniciais de 2018 destinábanse un total de 2.833.043 euros para a construción e a mellora das infraestruturas deportivas de Galicia Para o exercicio 2019, a Secretaría Xeral para o Deporte destinará unha contía de 3.934.217 euros -un 40% máis que o destinado inicialmente en 2018-. En total, na provincia de Pontevedra realizaranse obras en 22 concellos que alcanzarán os 1,35 millóns de euros e nas que participará a Secretaría Xeral para o Deporte a través dunha achega de ao redor de medio millón de euros.