Nova
23/11/2024
Institucionais

As axudas da Xunta para deportistas, técnicos e árbitros galegos que participaron nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos acadan o récord histórico

Coa última resolución aprobada hoxe son 65 axudas -45 para deportistas e vinte para técnicos, adestradores, xuíces e árbitros- cun investimento total de 436.500 euros

Santiago, 22 de novembro de 2024.- A Xunta de Galicia vén de aprobar a terceira e última resolución das Axudas Galicia-París 2024 para os deportistas, técnicos e árbitros galegos e galegas que participaron nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024. Esta nova entrega supuxo 30 novas axudas por un importe de 172.500 euros, polo que no total do programa repartíronse 65 axudas por un importe total de 436.500 euros, acadando o récord tanto no investimento como no número de axudas outorgadas dende que este modelo se puxese en marcha con motivo dos Xogos de Atenas 2004.

Do total destas 65 axudas, 45 foron para deportistas galegos de alto nuvel e outras vinte para técnicos, adestradores, xuíces e árbitros galegos de alto nivel. Por unha banda, repartíronse dez Axudas Galicia-París 1 cun importe de 12.000 euros para os deportistas que participaran en catro ou máis edicións dos Xogos ou que acadaran medalla. Carlos Arévalo (piragüismo), Rodrigo Corrales (balonmán), Támara Echegoyen (vela), Rodrigo Germade (piragüismo), Adiaratou Iglesias (deporte adaptado-atletismo), Gustavo Nieves (deporte adaptado-atletismo), Ana Peleteiro (atletismo), Teresa Portela (piragüismo), Susana Rodríguez (deporte adaptado-tríatlon), Juan Antonio Saavedra (deporte adaptado-tiro paralímpico), foron os beneficiados. Tamén se repartiron 16 Axudas Galicia-París 2 cun importe de 9.000 euros para os deportistas que participaran en tres ou menos edicións sen acadar medalla. Yulenmis Aguilar (atletismo), María Victoria Alonso (deporte adaptado-baloncesto cadeira rodas), Adrián Ben (atletismo), Julia Benedetti (skateboarding), Martín de la Puente (deporte adaptado-tenis cadeira rodas), Alicia Fernández (balonmán), Jacobo Garrido (natación), Francisco Garrigós (judo), Caetano Horta (remo), Antía Jácome (piragüismo), Manuel Lorenzo (deporte adaptado-baloncesto cadeira rodas), Adrián Mosquera (deporte adaptado-piragüismo), Enmanuel Reyes (boxeo), Nikoloz Sherazadishvili (judo), Desirée Vila (deporte adaptado-atletismo) e Belén Toimil (atletismo), recibiron esta axuda. Ademais tamén se concederon 19 Axudas Galicia-París 3 cun importe de 6.000 euros para aqueles deportistas que non tiveran participado en ningunha edición dos Xogos. Antía Chamosa (atletismo), Rodrigo Conde (remo), Pablo Crespo (piragüismo), María de Valdés (natación), Diego Domínguez (piragüismo), Juan Ferrón (deporte adaptado-natación), Carolina García (piragüismo), David García (judo), Paula Ginzo (baloncesto), Laura Martínez (judo), María Araceli Menduiña (deporte adaptado-piragüismo), Ester Navarrete (atletismo), Manuel Ochoa (piragüismo), Sara Ouzande (piragüismo), Tariku Novales (atletismo), Damián Ramos (deporte adaptado-ciclismo), Judith Rodríguez (deporte adaptado-esgrima) e Antonio Serrat (triatlon) levaron esta achega.

No caso dos técnicos, adestradores, xuíces e árbitros, repartíronse 15 Axudas TA principal Galicia-París cun importe de 3.000 euros para os técnicos e adestradores principais nos Xogos. Daniel Brage (piragüismo), Daniel Costa (piragüismo), Marcos Fernández (vela), Frank Casañas (atletismo), Manuel Martínez (atletismo), Manuel Vigo (atletismo), José Manuel Cardesín (deporte adaptado-ciclismo), Manuel Mariño (deporte adaptado-esgrima), José Luis Ourille (deporte adaptado-piragüismo), Sonia Molanes (deporte adaptado-piragúismo), Luis Alberto Piña (deporte adaptado-tríatlon), Jesús de la Fuente (natación), Esteban Alonso (piragüismo), David Novas (piragüismo) e Jano Toro (vela) foron os beneficiados. Tamén se concedeu unha Axuda TA Auxiliar Galicia-París de 1.500 euros a Álvaro Fernández (piragüismo) na súa condición de adestrador auxiliar. Por último, repartíronse catro Axudas XA Galicia-París cun importe de 3.000 euros para os xuíces e árbitros nos Xogos. María Inmaculada Pazos (ximnasia), Manuel Franco (tenis), Loreto Pérez (atletismo) e María Dolores Rojas (atletismo), recibiron esta axuda.

Estas achegas enmárcanse dentro das ‘Axudas DGAN 2024’ que contan cun orzamento de 600.000 euros e, de novo, cun modelo de dúas convocatorias para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2023 e 2024. As ‘Axudas DGAN’ acadaron o seu máximo histórico con preto de 700.000 euros (680.940 euros) en 2023, ano no que xa se puxo en marcha a dobre convocatoria para axudare aos deportistas na súa preparación para os Xogos.