Betanzos e Marín, sedes para os Campionatos de España de Clubs de Baloncesto Infantís
Galicia será un ano máis, o sétimo consecutivo, o emprazamento perfecto para os Campionatos de España de Clubs de Baloncesto en categoría Infantil.
Neste 2020, as localidades de Betanzos e Marín, en categoría masculina e feminina, respectivamente; recibirán na casa estas dúas citas, que encherán a nosa Comunidade do mellor Baloncesto Base entre os días sete e trece do vindeiro mes de xuño.
Concello de Betanzos e Club Santo Domingo de Betanzos organizarán a competición masculina nesta vila, que se estrea como escenario para un campionato de España Infantil. Pola súa banda, Marín volverá a acoller á categoría infantil, e farao por terceiro ano consecutivo, marcándose cada temporada novos retos da man do Concello e o Club local, Marín Peixe Galego.
Galicia, de novo protagonista
En ambos os casos trátase dunha aposta en firme polo deporte de formación e por seguir dando a coñecer a capacidade organizativa dos clubs, entidades públicas e a propia Federación Galega de Baloncesto nun evento destas características ao que, precisamente en categoría infantil, levamos recibindo na casa durante xa seis anos de xeito ininterrompido:
Campionato de España Infantil Masculino
2013 – 2014:Cambados
2014 – 2015: Cambados
2015 – 2016: Lugo
2016 – 2017: Cambados e Vilanova
2017 – 2018: Marín
2018 – 2019: Lugo
Campionato de España Infantil Feminino
2013 – 2014: Pontevedra
2014 – 2015: Pontevedra
2015 – 2016: Pontevedra
2016 – 2017: Marín
2017 – 2018: Pontevedra
2018 – 2019: Marín
A desta temporada 2019 – 2020 será a XLI edición en masculino e a XXXVI en feminino, desputándose ambas polos 32 mellores equipos de España en cada categoría, e supoñendo para as localidades organizadoras un componente deportivo e social de grande valor.