Nova
13/02/2020
Institucionais

Catro centenares de nenos e nenas buscan esta fin de semana coroarse en Portas como campións e campioas galegas de campo a través do Xogade

Na tempada 2018-2019, o Xogade contou cun total de preto de 130.000 nenos mutualizados cuxo seguro deportivo 6-16 é financiado pola Xunta de Galicia

Santiago, 13 de xaneiro de 2020-. O Programa Xogos Deportivos en Idade Escolar (Xogade) da Xunta de Galicia chega este sábado 15 de febreiro a unha das súas citas máis importantes. A Área Recreativa da Azucareira en Portas, no concello pontevedrés de Portas acollerá o Campionato Galego de Campo a Través en Idade Escolar coa participación de 400 deportistas en representación de 67 entidades deportivas e centros educativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Xunta de Galicia incide na importancia da actividade física para os máis novos xa que é nestas idades cando os máis pequenos deben introducir na súa rutina o exercicio físico para acadar unha sociedade máis activa e saudable. O programa Xogade foi posto en funcionamento no ano 2004 en colaboración coas federacións deportivas e as agrupacións escolares para levar a actividade deportiva a todos os concellos e brindarlles aos escolares a posibilidade de competir cos clubs e colexios de toda a comunidade. Na tempada 2018-2019, o Xogade contou cun total de preto de 130.000 nenos mutualizados cuxo seguro deportivo 6-16 é financiado pola Xunta de Galicia. A modalidade de campo a través é, despois do fútbol, a que conta cunha maior participación xa que máis do 25% de todos os nenos mutualizados participan nalgún dos preto de 70 crosses celebrados ao abeiro do Xogade por toda Galicia cada tempada. O obxectivo é achegar a actividade deportiba a todos os nenos e nenas de Galicia.

Os deportistas clasificados obtiveron o seu pase ao Campionato Galego -individual ou por equipos-, nas diferentes fases zonais organizadas polas Agrupacións Deportivas Escolares. De cada unha das provincias clasificáronse os dous equipos que obtiveron maior puntuación e os oito primeiros postos individuais da fase provincial respectiva.

Realizarase unha clasificación individual segundo a orde de entrada en meta e outra por equipos en cada unha das categorías. Para a clasificación por equipos terase en conta os tres (en cadetes) ou catro (no resto de categorías) primeiros atletas que cheguen á meta de cada entidade, e sumaranse os postos destes tres ou catro, sendo a entidade que menos sume a vencedora da proba. No caso de producirse un empate entre dous ou máis equipos, resolverase a favor do equipo no que obtivese a mellor clasificación o último dos integrantes que puntúe. Aqueles equipos que non cheguen á meta cos catro ou, se é o caso, tres atletas dos que puntúan, non puntuarán como equipo.

O cross comezará ás 11,00 horas coa categoría cadete feminina e rematará ás 12,35 horas coa carreira da categoría alevín masculino. A entrega de medallas será ao remate da competición.