Nova
08/08/2019
Federativas

Catro galegos no Campionato do Mundo de MTBO

Galicia aporta case a metade dos deportistas da Selección Nacional 

Galicia é xa habitual na Selección Española de Orientación en Bicicleta de Montaña (MTBO), durante a pasada semana catro orientadores galegos desprazáronse ata Dinamarca para competir no Campionato do Mundo. Ángel García (Brigantia) e Mar Delgado (OPBZ) forman parte da Selección Española Senior, mentres que Martín E. Álvarez (Gallaecia) pertence ao conxunto junior en Dinamarca. Ademais, Ana Varela (Brigantia) é a seleccionadora nacional que dirixe ao equipo e ademais tomará parte na proba de remudas.

Os nosos representantes participaron en cinco probas: sprint, distancia media, distancia longa, mass start e remudas. Ángel García lograba a mellor posición absoluta para España neste campionato cunha 24ª posición na proba sprint. Doutra banda, Martín E. Álvarez e Mar Delgado acadaban as súas mellores clasificacións no sprint e na proba longa respectivamente, sendo ambos 35º nas súas categorías. Por último, o equipo do galego Ángel García lograba a 10ª posición nas remudas. 

O peso galego na competición de MTBO é cada vez maior, sobre todo a raíz da medalla de bronce lograda por Ángel García no Campionato de Europa deste ano. Dito metal foi o primeiro podio para España nunha competición internacional de orientación absoluta.