Nova
03/07/2017
Eventos

CICLISMO: Adrián Valverde e Lucía Vázquez proclamáronse en Cambre campións de Galicia elite de XCO

O Club Ciclista Cambre levaba anos con gañas de organizar este campionato e o seu soño fíxoo realidade no circuíto 'máis veterano' de Galicia. Un escenario histórico e o preferido de moitos bikers.

Cunha sorpresa e cun resultado agardado resolvéronse os títulos elite no Campionato de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) celebrado este sábado na localidade coruñesa de Cambre. Adrian Valverde (Club Ciclista Rías Baixas) rachou os prognósticos para triunfar por primeira vez na proba raíña masculina, mentres que Lucía Vázquez (ProRebordosa) sumou a súa undécima coroa autonómica feminina. Os vencedores no resto de categorías foron Andrea García (Cambre - Caeiro) e Carlos Canal (Academia Postal - Actyon - MMR) en cadetes; Sara García (Del Mar Mugardos) e Iván Feijoo (Academia Postal - Actyon - MMR) en júniors; Irene Trabazo (Marín - Ottoman) e Samuel González (Salvaterra) en sub23; Marcos Mayo (O Treito) nos masters-30; Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40; e José Ramón Castelo (Castro Barbudo) nos masters-50.
O Club Ciclista Cambre levaba anos con gañas de organizar este campionato e o seu soño fíxoo realidade no circuíto 'máis veterano' de Galicia. Un escenario histórico e o preferido de moitos bikers. A cita reuniu 148 corredores para pugnar por once títulos autonómicos, tres semanas antes de que se disputen os Campionatos de España en Confrentes (Valencia).
A presenza da gran favorita na carreira elite e sub23 foi unha incógnita ata a última hora. Lucía Vázquez sufriu un percance ao inicio da semana que lle provocou unha intensa dor na súa perna dereita. Malia iso, compareceu na liña de saída para reafirmar a súa hexemonía e adxudicarse por undécima ocasión o título galego elite.
A vilaboense impúxose con solvencia. Cun tempo de 1:33:01, avantaxou en 4:20 a Nuria Senra (Eskornabois), en 6:15 á campioa sub23 Irene Trabazo e en 9:12 a Diana Blanco (Barbanzabike). A segunda e a terceira praza nas sub23 correspondéronlles a Claudia e Elsa Portela, as irmás da Escola de Ciclismo Redondela.

Vitoria emotiva
Manuel Parada, o líder do Open de Galicia - Anova XCO, era o principal candidato ao triunfo entre os elite e sub23, pero a mala sorte cebouse ao igual que no 2016 co representante do Barbanzabike. Unha avaría na súa roda traseira durante a primeira volta fíxolle perder moitos postos. Coa carreira máis aberta do agardado, emerxeu a figura de Adrián Valverde.
"É un dos meus circuítos favoritos e aquí sempre me atopo xenial. Dáseme ben porque son subidas longas e baixadas técnicas", sinalou o biker do Club Ciclista Rías Baixas. Nese trazado que tanto lle agrada, o baionés foi de menos a máis: "Saín un pouco relaxado, con calma, porque chegaba sen presión. A medida que foron pasando as voltas fun sentindo moi boas pernas e decidín apertar. Comecei a adiantar corredores e a vitoria foi unha sorpresa. Non mo esperaba".
Valverde alcanzou a liña de meta despois de 1 hora 26 minutos e 50 segundos de esforzo e rachou a chorar: "Moitos campionatos escapáronseme por pequenos detalles e esta primeira vitoria, no meu debut en elite, é moi emotiva". A 1:54 do gañador rematou Samuel González, primeiro sub23, e a 2:35 Parada, que tras asinar unha espectacular remontada, impúxose ao esprinte ao tamén elite Fernando Guerra (Os Esfola Arrós). Pola súa banda, o podio sub23 completárono Raúl Carracedo (Academia Postal - Actyon - MMR) e Marcos Roca (Betanzos), segundo e terceiro respectivamente da súa categoría.

Cadetes e júniors
O Academia Postal - Actyon - MMR de Maceda dominou nos cadetes e júniors masculinos. Carlos Canal venceu con comodidade por diante do seu compañeiro de equipos Marco Lema e de Jorge Fernández (Coruxo) nos cadetes, e tamén resultou indiscutible o éxito de Iván Feijoo nos júniors, superando a Adrián Barros (Coruxo) e ao tamén representante macedán Abel Franco.
O triunfo ourensán nas rapazas cadetes impediuno a local Andrea García. A biker do Cambre - Caeiro bateu a Noela Saa e a Aida González, ambas do Academia Postal - Actyon - MMR. Tamén quedou na provincia da Coruña o título júnior feminino coa vitoria de Sara García. A ciclista do Mugardos estivo escoltada no podio por Sara Trigo (Salvaterra) e Alba Arias (Arteixo - MB3).

Másters
Unha semana despois de proclamarse campións de Cross Country Maratón (XCM) nas súas categorías, dous bikers másters repetiron éxito en XCO. Alejandro Trasbach non deu opcións ao seus rivais nos másters-40 e dobregou a Migue Arias (Extol - La Gramola) e a Antonio Rodríguez (Burgas Bike), que no esprinte pola terceira posición impúxose a Marcos Vale (Gráficas Lar) . O outro dobrete selouno José Ramón Castelo nos másters-50. O do Castro Barbudo saíu triunfador do equilibrado pulso que protagonizou con dous corredores do Bici Verde, Manuel Gómez e Óscar Lorenzo.
En canto aos másters-30, o gañador non se coñeceu ata os últimos metros. Marcos Mayo venceu con 7" de marxe respecto a Luis Fernández (Avanza) e en terceiro lugar, a 48", finalizou Daniel Rodríguez (Máster da Louriña).
Todos os gañadores recolleron no podio os seus maillots que os acredita como campións de Galicia do ano 2017. Nesta cerimonia participaron Leonor Fernández, terceira tenente alcalde de Cambre; Josefa Vázquez, concelleira de Seguridade Cidadá; Antonio Carrodeguas, presidente do Club Ciclista Cambre; e Begoña Carpinteiro, secretaria da Federación Galega de Ciclismo. Os especiaslitas en XCO terán a súa próxima cita o vindeiro sábado en Sanxenxo, coa penúltima xornada do Open de Galicia - Anova.

Os gañadores das diversas categorías do Campionato de Galicia de Cross Country Olímpico