Nova
20/11/2017
Eventos

CICLISMO: Copa Galicia de Ciclocross 2017. Trabazo e Feijoo consolidaron en Poio a súa hexemonía na Copa Galicia de Ciclocross

Os ciclistas sub23 do Academia Postal-Actyon-MMR de Maceda e do Marín Ottoman reforzaron os liderados nos seus rankings

 
Clasificacións do  I Ciclocross Poio Móvese
A última vez que Poio celebrou unha carreira de ciclocross, aínda non naceran ningún dos dous grandes triunfadores que está deixando a Copa Galicia 2017. Iván Feijoo e Irene Trabazo aumentaron a súa conta de vitorias no regreso desta modalidade 22 anos despois ao concello pontevedrés que acolleu a sexta xornada do certame autonómico. Os ciclistas sub23 do Academia Postal-Actyon-MMR de Maceda e do Marín Ottoman reforzaron os liderados nos seus rankings.
O cadro de vencedores do I Ciclocross Poio Móvese completárono Jorge Fernández (Coruxo) e Noela Saa (Academia Postal -Actyon - MMR) en cadetes, Carlos Canal (Academia Postal - Actyon - MMR) e Carla Fernández (Marín Ottoman) en júniors, Darío Otero (Muebles Compostela) e María José Gómez (Cambre - Renault Caeiro) en elites, Juan José Chapela (Master do Morrazo) nos másters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos másters-40 e Marcial Rodríguez (QuéBici-Marcisport) nos másters-50/60.
O Poio Bike Club foi o encargado de recuperar o ciclocross de competición para o seu concello e o evento deixou un sensacional sabor de boca. Os preto de 300 participantes que se deron cita na Seca gozaron cun circuíto que agradou polo seu deseño, as súas espectaculares vistase polas facilidades coma o aparcamento e os vestiarios que atoparon os corredores.
Os líderes das categorías raíñas ofreceron dúas novas exhibicións. Iván Feijoo rubricou o seu cuarto triunfo no seu primeiro ano como sub23 expremendo a súa potencia na cabeza de carreira de principio a fin. O ciclista de Allariz, cun rexistro de 53:37, venceu con 1 minuto e 19 segundos de vantaxe sobre Darío Otero (Muebles Compostela), que con este resultado recuperou o primeiro posto na xeral elite.
Ese maillot non puido defendelo con éxito Adrián Valverde (Club Ciclista Rías Baixas), terceiro a 1:28 de Feijoo. A loita por completar o podio estivo moi igualada, con seis corredores rematando en menos de 35". A continuación deles e pechando o top-10 finalizaron os especialistas en estrada Gustavo César Veloso (W52 - FC Porto) e Martín Lestido (Supermercados Froiz), noveno e décimo respectivamente.
En canto á proba estrela feminina, a líder elite e segunda clasificada na xeral absoluta Isabel Castro (Condado Bike) sufriu un problema mecánico na primeira volta que a obrigou a abandonar. Este contratempo deulle aínda máis tranquilidade a Irene Trabazo, intratable dende o arranque na busca da súa quinta vitoria neste curso. A sub23 do Marín Ottoman marcou un tempo na liña de meta de 41:02, superando en 1:58 á gañadora elite María José Gómez e en 2:58 á triunfadora júnior Carla Fernández (Marín Ottoman).
Saa, de novo líder
Na cerimonia do podio encargáronse de entregar os premios a concelleira de Deportes de Poio, Marga Caldas, o presidente do Poio Bike Club, Paco Albar, o excampión de España desta modalidade, Pablo Pardilla, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.
Entre os corredores que recolleron os maillots de líderes houbo as novidades respecto á xornada anterior do primeiro posto nos elites de Otero e nas cadetes de Noela Saa. No resto do ranking continúan mandando Miguel Rodríguez (Ponteareas) nos cadetes, Jessica Costa (ASC) e Jorge Suárez (Cidade de Lugo - Esturión) en júniors, Trabazo e Feijoo en sub23, Isabel Castro nas elites, Montserrat Martínez (Viana) nas másters, Andrés Calvete (Cambre - Renault Caeiro) nos másters-30, Manuel Armada nos másters-40, e Mario Castro (Cortizo - Anova) nos másters-50/60.
O vindeiro domingo a Copa Galicia cumplirá a súa sétima xornada co I Trofeo Concello de Culleredo.

Cerimonia de entrega de premios do I Ciclocross Poio Móvese