CICLISMO: Magallanes, Iglesias, De la Fuente e Carrera proclamáronse campións de Galicia máster de estrada en Tui
Preto de 150 corredores tomaron a saída este domingo en Tui na competición que reparte os títulos autonómicos de estrada nas categorías masters.
Preto de 150 corredores tomaron a saída este domingo en Tui na competición que reparte os títulos autonómicos de estrada nas categorías masters. Alejandro Magallanes (C.C. de la Fuente) nos máster-30, Francisco Javier Iglesias (Supermercados Froiz) nos 40, Javier de la Fuente (Norinver) nos 50 e Valeriano Carrera (C. C. de la Fuente) nos 60, foron os grandes triunfadores do Campionato de Galicia 2017.
Esta cita organizada polo Club Ciclista de la Fuente e a Federación Galega de Ciclismo disputouse sobre un percorrido de 84 quilómetros para os masters-30 e 40, e de 52,5 para os 50 e 60. O bandeirazo inicial deuse no paseo da Corredoira en Tui, onde finalizou a proba despois de tamén transitar polas estradas do Rosal e de Tomiño.
Catro ciclistas chegaron ao treito final da proba con máis dun minuto de vantaxe tras abandonar o gran grupo á altura do quilómetro 60. Este cuarteto formárono o máster-40 Francisco Javier Iglesias e tres masters-30: Alejandro Magallanes, Alejandro Paleo (Gráficas Lar) e Rubén Fernández (Norinver).
Co título da súa categoría no peto, Iglesias cedeu no desenlace da carreira e os tres másters-30 disputaron a vitoria ao esprinte. O vigués Magallanes foi o máis rápido e cruzou a liña de meta por diante do viveirense Paleo e do porriñés Rubén Fernández Oliveira, segundo e terceiro respectivamente.
O representante do clube anfitrión impúxose cun tempo 2:05:24. A 48 segundos dos tres primeiros chegou o gañador máster-40 Iglesias e a 1:14 fíxoo o gran grupo no que Rubén Rodríguez (Colloto) se adxudicou a segunda praza dos máster-40 e Moisés Leboso (10 G.D.), a terceira.
Pola súa banda, Javier de la Fuente obtivo o título máster-50 ao alcanzar en solitario o paseo da Corredoira. Tras 1 hora 17 minutos e 53 segundos de esforzo, venceu con 34" de marxe sobre José Carlos Vila (Ría de Vigo), que superou no man a man final a Juan Adolfo Fernández (Máster da Louriña). En canto aos masters-60, Valeriano Carrera asinou o dobrete do C.C. de la Fuente ao adiantarse en 34" a Fabián García (Benaventano) e en 1:08 a Luis Benito (C.D. Oviedo). A carreira completárona un total de 68 corredores.
A cerimonia de entrega de premios contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do concelleiro de Deportes, Laureano Alonso; do presidente do C.C. de la Fuente, Dean Fletcher; do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; e con representación de Álvaro Hérmida Tui, firma patrocinadora deste evento.