Nova
22/06/2017
Eventos

CICLISMO: Márquez e Barreira volveron vencer no Open de Galicia – XCM baixo o abrasador sol de Rois

Dos 150 inscritos na II Ruta BTT Concello de Rois, tan só 35 corredores alcanzaron a liña de meta dentro do tempo permitido.

Dos 150 inscritos na II Ruta BTT Concello de Rois, tan só 35 corredores alcanzaron a liña de meta dentro do tempo permitido. Este dato demostra a dureza extrema vivida na segunda xornada puntuable do Open de Galicia - Anova de Cross Country Maratón (XCM). Cos termómetros rondando os 40 graos, o elite Brandán Márquez (Gexa / X-Sauce) e a máster-40 Teresa Barreira (Castropol Deporte) ratificaron o seu dominio no certame autonómico.
Rubén Atrio (Estralos) nos masters-30, Alejandro Trasbach (Racing Cycling) nos masters-40 e José Manuel Pérez (Castropol Deportes) nos masters-50/60 foron os vencedores no resto das categorías. A proba organizada polo Concello de Rois coa colaboración de O Trisquel Clube Ciclista deixou moi bo sabor de boca entre os corredores. Os promotores deste evento agradecen especialmente ter recibido a axuda desinteresada de Protección Civil, da Asociación de Festas de Leroño e da Asociación de Festas de Aguasantas.
Nos 76 quilómetros de percorrido dábanse dúas voltas a un circuíto de 38 km no que se ascendía en tres ocasións, e por tres subidas diferentes, ao Alto da Cabana. Brandán Márquez vestía a camisola de líder do Open, obtida na primeira xornada en Mondoñedo, e desde o comezo situouse na cabeza. Era o favorito, pero os prognósticos víronse ameazados no quilómetro 15.

Triúnfo con susto
O biker vigués foi ao chan cando lideraba a proba. As consecuencias desta aparatosa caída limitáronse ás marcas que lle quedaron no seu corpo e na súa vestimenta. Márquez rematou a primeira volta con catro minutos e medio de marxe respecto a Rubén Atrio e na segunda non permitiu que se lle achegara Alejandro Trasbach.
Cun rexistro de 4:11: 20, o representante do Gexa / X-Sauce venceu con seis minutos e medio de vantaxe sobre Trasbach e distanciouse en case dez minutos de Atrio. A cuarta posición correspondeulle a Alberto Túñez (Extol - La Gramola), e a quinta a Santiago Pereira (Máster Morrazo), mentres que o podio élite completárono Fernando Guerra e Jorge Pérez, ambos do Esfola Arrós, sexto e sétimo respectivamente na táboa absoluta.
Na carreira feminina, a actual campioa de España máster-40 sumou o seu segundo triúnfo neste Open. Teresa Barreira presentouse na meta tras 5 horas 32 minutos e 15 segundos de esforzo. A outra muller que sobreviviu ao extenuante calor en Rois foi Silvia Blanco (Iberobike), que detivo o crono en 6:31:34.
Os rankings deste certame autonómico sofren cambios en dous grupos de idade. No master-30 masculino Atrio e Túñez igualan a puntos no máis alto, e no máster-40 Francisco Xavier López (MTC Racing) asalta o primeiro posto. Márquez e Diana Blanco (Barbanzabike) en elites, Barreira nas másters e José Manuel Pérez nos másters-50/60 seguen comandando as súas táboas.
A segunda edición da Ruta de Rois pechouse coa entrega de premios que contou coa presenza do concelleiro de deportes desta localidade coruñesa Martín del Río. A vindeira cita co XCM será este domingo coa disputa do Campionato de Galicia ,en Lalín, e o Open regresará o 6 de agosto, coa Subida ao Castro Barbudo.