Nova
19/06/2017
Eventos

CICLISMO: Os galegos Alejandro Vila e Eva Castro subiron ao podio do Campionato de España de Descenso

Os especialistas galegos de descenso sumaron dúas medallas no Campionato de España desta modalidade disputado na localidade gaditana de Ubrique.

Os especialistas galegos de descenso sumaron dúas medallas no Campionato de España desta modalidade disputado na localidade gaditana de Ubrique. Eva Castro (School Riders) acadou o bronce na competición feminina e Alejandro Vila (Selección de Galicia) fíxose coa prata na proba Máster-30A. Ademais, o combinado autonómico contou con outros dous representantes no Ttp-10 das súas categorías: Marco Martínez rematou cuarto nos cadetes e Marco Veiga ocupou a sétima praza nos elites.
Nun circuíto de 1,4 km. que podía estar aberto ás sorpresas por “non ser nin demasiado longo, nin demasiado selectivo”, tal e como o definiu Esteban Lorenzo, directivo da Federación Galega de Ciclismo e responsable da Comisión de BTT da Real Federación Española de Ciclismo, a coruñesa Eva Castro asaltou o podio na quenda final.
Despois de ser cuarta na clasificatoria cun tempo de 2:16.888, o rexistro de 2:17.248 outorgoulle o bronce na segunda baixada. A piloto do School Riders rematou a 11” da gañadora, Julia Barthe (Vadebicis), e a 10” de Telma Torregroso (Santacruz).
Ao caixón do campionato estatal volveu subir Alejandro Vila, pero nesta ocasión non puido repetir vitoria. O vigués do Xtrembike marcou o segundo mellor crono Máster-30A na primeira quenda (1:54.479) e a súa mellora na final (1:53.792) ratificouno como subcampión, a 3” do vencedor Miguel Ángel Fernández (Bull Bikes). O podio completouno Iván Runza (Asturias).
“Non viña con ningún obxetivo marcado porque sabía que as condicións ían ser moi complicadas para nós, polo tipo de terreo tan seco e por tratarse dun circuíto tan curto e sinxelo”, valorou Vila, que non ocultou a súa satisfación: “Adapteime bastante rápido ás características desta proba e voume contento por darlle unha medalla á nosa selección”.
Moi preto do podio quedou Marco Martínez. O cadete do Corbelo terminou cuarto, a 3” do bronce. Peor lles saíron as cousas na final aos dous representantes júniors da selección de Galicia. Alejandro Paz e Víctor Mariño concluíron decimoterceiro e decimocuarto respectivamente. Nesta categoría o castelánleonés Jorge Panizo, do Bici Verde de Vigo, obtivo a terceira praza.
Na competición raíña masculina Marco Veiga coouse entre os dez mellores. O rider do CiclosQuintena asinou o sétimo mellor rexistro na segunda baixada (1:47.932), despois de ter sufrido un contratempo na clasificatoria. Este resultado permitiulle facer un oco na convocatoria do seleccionador español, Cristóbal Sánchez, para a vindeira Copa do Mundo de Descenso, en Vall de Nord.
A participación do resto de elites e sub23 do combinado autonómico resolveuse con 15º posto de Martínez Cortiñas, o 25º de Manuel Pellón, o 32º de Kevin Méndez e o 38º de Gabriel Alonso.