Nova
12/01/2022
Institucionais

A cidade de Ourense afianza a súa posición como referente deportivo co Campionato de España Absoluto de atletismo e as obras do Couto

O proxecto de reforma e ampliación do estadio do Couto terá un orzamento de 2 millóns de euros e estará rematado en 2023, data na que tamén se renovará o terreo de xogo con outra achega de 700.000 euros

Ourense, 12 de xaneiro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha reunión de traballo co alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome na que estudaron o estado das diferentes actuacións que está a levar a cabo a Secretaría Xeral para o Deporte na cidade da Burga, así como a posibilidade de novas vías de colaboración de cara a 2022.

Un dos principais temas tratados na xuntanza, foi o relativo á reforma do estadio do Couto. Segundo o secretario xeral, “o proxecto de reforma e ampliación do estadio do Couto é unha oportunidade non só de tratar aqueles aspectos relativos ao deterioro sufrido polas edificacións ao longo do tempo ou a renovaxión do seu equipamento de gradarío, senón a de poder ofrecer un conxunto máis funcional e máis flexible”. Máis polo miúdo, as intervencións irán destinadas á reparación e rehabilitación estrutural; obras de renovación de carácter funcional; e as obras de ampliación demandadas, que se circunscriben ao edificio administrativo situado no fondo norte e que permitirán organizar de forma totalmente independente os usos puramente deportivos daqueles de carácter administrativo-social e representativo.

As devanditas obras terán un orzamento base de licitación de preto de 2 millóns de euros (1.984.857,11 euros) cun prazo de execución de 7 meses. No momento actual estanse a elaborar os pregos para adxudicar a obra canto antes e comezar cara o verán e que estea rematada en 2023. Nese exercicio e unha vez rematadas as obras citadas, tamén terá lugar a renovación do terreo de xogo do Couto cun orzamento base de licitación duns 700.000 euros (676.982,65 euros) e un prazo de execución de 21 semanas.

Do mesmo xeito, o secretario xeral e o rexedor ourensán sinalaron o “excepcional rendemento” da “mellor pista de atletismo cuberta de España” e na que a Xunta de Galicia leva investidos 4,3 millóns de euros. Ata o de agora, a pista sita en Expourense xa acolleu catro campionatos de España (un absoluto, dous máster e un sub20) e do vindeiro 25 ao 27 de febreiro acollerá un novo campionato nacional absoluto para o que Xunta e concello xa están a traballar en todos os protocolos para que sexa a “auténtica festa do atletismo pero tamén da seguridade”.

Lete Lasa e Pérez Jácome tamén incidiron na boa marcha doutros proxectos deportivos que concirnen a Ourense como as obras de renovación do Complexo Deportivo de Monterrei, cun orzamento de 10 millóns de euros e que neste verán de 2022 porá ao desfrute do público as súas piscinas infantil e familiar; ou a obra no Pavillón dos Remedios , xa rematada, e que contou cun investimento de 2 millóns de euros, achegados de xeito íntegro polo Goberno autonómico.

Ao longo da xornada de hoxe, Lete Lasa tamén mantivo encontros de traballo cos rexedores municipais doutros concellos da provincia ourensá como San Cibrao das Viñas, Pobra de Trives, Cortegada, Manzaneda, A Peroxa e O Irixo, cos que analizou a posibilidade de establecer novas vías de colaboración para este ano 2022 para o que a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento total de 32.489.463 euros, o que representa unha lixeira subida con respecto ao orzamento inicial de 2021 (32.474.216 euros).