Nova
27/11/2017
Eventos

CILCLISMO: Copa Galicia de Ciclocross. I Trofeo Concello de Culleredo

O Club Ciclista Cambre – Renault Caeiro organizou un evento que reuniu 250 participantes.

 
Clasificacións do I Trofeo Concello de Culleredo
A proba que marcou o ecuador do calendario da Copa Galicia de Ciclocross viviu dous guións diferentes nas carreiras raíñas do I Trofeo Concello de Culleredo. Con moita solvencia, o sub23 Iván Feijoo (Academia Postal – Actyon – MMR) sumou o seu quinto triunfo da temporada e reforzou o seu liderado na táboa absoluta. Mentres, nunha emocionante pugna, a elite María José Gómez (Cambre – Renault Caeiro) estreou o seu cadro de vitorias.
Os outros corredores que subiron ao podio como gañadores das súas categorías na sétima xornada do certame autonómico foron Noela Saa (Academia Postal – Actyon – MMR) e Miguel Rodríguez (Ponteareas) en cadetes, Andrea García (Cambre – Renault Caeiro) e Adrián Barros (Coruxo) en júniors, Zaida González (Cidade de Lugo – Esturión) nas sub23, Daniel López (Burgos BH) nos elites, Montserrat Martínez (Viana) nas másters, Luciano Carretero (Cambre – Renault Caeiro) nos másters-30, Xacob Agra (Master da Louriña) nos másters-40 e Marcial Rodríguez (Québici-Marcisport) nos másters-50/60.
O Club Ciclista Cambre – Renault Caeiro organizou un evento que reuniu 250 participantes. As chuvias caídas nos días previos non foron suficientes para que a lama tivese un papel determinante no circuíto de Acea de Ama, pero o numeroso público puido gozar de atractivas carreiras nun escenario que sempre ofrece espectáculo.
Este trazado non ten segredos para María José Gómez, que deixou nas vitrinas do club anfitrión o triunfo na competición elite e sub23 feminina. A ciclista do Cambre – Renault Caeiro aproveitou a ausencia da líder da clasificación Irene Trabazo (Marín Ottoman), que esta fin de semana acudiu á Copa do Mundo, para asumir o mando dende o principio. Por detrás Lucía Vázquez (ProRebordosa), no seu debut na Copa Galicia 2017, non puido recortar a mínima vantaxe que soubo manexar Gómez para impoñerse con 17 segundos de marxe. O podio completouno a líder elite Isabel Castro (Condado Bike), que chegou a 45” da gañadora.
Daniel López, primeiro elite
Tamén correu moi preto da súa casa o ciclista profesional de estrada Daniel López, e o do Burgos BH clasificouse como primeiro elite no mesmo circuíto no que o ano pasado obtivo o triunfo no Campionato de Galicia. Porén, o seu coñecemento do terreo non lle bastou para seguir a roda do sub23 Iván Feijoo. Unha xornada máis, o representante do Maceda dominou do principio á fin. Superou en 1:43 a López e en 1:54 ao elite Jorge Punzón (Fundación Óscar Pereiro).
A única novidade no máis alto dos rankings da Copa Galicia protagonizouna a cadete Noela Saa, que lle arrebatou a primeira posición a Laura Capa (Farto). Continúan vestidos de líderes unha semana máis Miguel Rodríguez en cadetes, Jessica Costa (ASC) e Jorge Suárez (Cidade de Lugo – Esturión) en júniors, Darío Otero (Muebles Compostela) nos elites, Montserrat Martínez nas másters, Andrés Calvete (Cambre – Renault Caeiro) nos másters-30, Manuel Armada (Asociación Galega de Ciclistas) nos másters-40 e Mario Castro (Cortizo – Anova) nos másters-50/60.
A entrega de premios contou coa presenza de Jose Ramón Rioboo, alcalde de Culleredo; Antonio Carrodeguas, presidente do C.C. Cambre - Renault Caeiro, Miguel Suárez, concelleiro de Deportes de Culleredo, Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, e Miguel Sánchez, director DOS Deporte y Salud. O vindeiro domingo o certame autonómico levará a cabo en Viveiro a súa oitava xornada puntuable.
 

I Trofeo Concello de Culleredo