Nova
27/07/2022
Institucionais

A comarca da Ulloa estrea céspede e vestiarios no campo de Monterroso e unha pista de pádel en Antas, grazas aos convenios de colaboración da Xunta

Ambas as dúas obras contaron cun orzamento total de máis de 75.000 euros: a Secretaría Xeral para o Deporte achegou o 70% en Monterroso e o 80% en Antas de Ulla

Monterroso e Antas de Ulla (Lugo), 27 de xullo de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou as actuacións en instalacións deportivas levadas a cabo pola Xunta de Galicia na comarca da Ulloa a tenor dos convenios de colaboración asinados cos concellos lucenses de Monterroso e Antas de Ulla en 2021 por importe de máis de 75.000 euros.

En primeiro lugar, o mandatario galego visitou o Concello de Monterroso onde, acompañado pola alcaldesa Rocío Seijas, supervisou a reforma do vestiario e rexeneración de céspede no recinto deportivo do campo de fútbol municipal. O obxecto da actuación foi a rexeneración da superficie de céspede e mellora no drenaxe. Ademais, interveuse nos vestiarios coa demolición de carpinterías interiores, parte dos tabiques que pechan os inodoros así como instalación de novos cerramentos, portas, aparatos sanitarios e a substitución das luminarias existentes e mecanismos, pintado das superficies do teito e dotación de novo equipamento mobiliario. No exterior substituíronse as portas. Cómpre salientar que a SD Monterroso conta con equipos en todas as categorías de idade polo que gran parte da poboación do municipio lugués verase beneficiada polos arranxos no campo.

O importe total da actuación foi de preto de 45.000 euros (44.727,76 euros) cunha achega da Secretaría Xeral para o Deporte do 70% (31.063,12 euros) e o restante 30% achegado polo concello (13.664,64 euros).

En segundo lugar, Lete Lasa desprazouse ao Concello de Antas de Ulla para visitar, acompañado do alcalde, Javier Varela, a pista de pádel situada detrás da nave de Vilane e que supón unha gran atracción deportiva para os cidadáns e cidadás do municipio lucense, repercutindo nun estilo de vida saudable. Máis polo miúdo, a pista de pádel contou cun orzamento global do redor de 30.000 euros (30.608,50 euros), sendo achegados pola Secretaría Xeral para o Deporte o 80% (24.200 euros) e o restante 20% polo concello (6.408,50 euros).

Neste exercicio 2022, a Secretaría Xeral para o Deporte conta cun orzamento inicial de 32.489.463 euros que sobe lixeiramente sobre o inicial de 2021 (32.474.216 euros). Deste total, a contía destinada para obras de construción e reforma de infraestrutura deportiva acada os 11,3 millóns de euros, un 24% máis que o destinado en 2021 (9,15 millóns) e que xa ascendera un 118% con respecto a 2020.