Nova
16/07/2025
Institucionais

Comezan as obras de reforma e mellora do estadio Anxo Carro que estarán rematadas para o inicio da tempada 26/27

A actuación, cun importe de 3,6 millóns de euros, ocuparase das catro gradas do estadio para adaptalas á realidade urbana

Santiago, 16 de xullo de 2025.- A Xunta de Galicia vén de dar comezo ás obras de mellora do estadio Anxo Carro tras a sinatura da acta de replanteo no día de onte. Deste xeito, iníciase a reforma da instalación lucense que contribuirá a transformar as principais bancadas do complexo deportivo e adaptalas á realidade urbana coa previsión de que estea rematada para o comezo da tempada 2026/2027.

A actuación, cun orzamento de adxudicación de preto de 3,6 millóns de euros (3.593.839,2 euros), ocuparase das catro gradas do estadio. Na grada sur farase unha nova fixa e definitiva. Nas gradas norte e oeste, faranse reformas orientadas a accesibilidade, funcionalidade e seguridade con novos accesos e aseos. Na grada leste desmontarase a cuberta e realizarase unha cuberta nova reorganizando a zona do palco, implementando os bancos na grada e incluíndo un ascensor.

A previsión é que en dúas destas gradas -oeste e norte- se actúe conxuntamente entre xullo e outubro de 2025. Por outra banda, a grada sur e a grada leste, onde está o palco e os vestiarios, prolongaranse ata o ano 2026, intentando compatibilizar a práctica deportiva do Club Deportivo de Lugo.