Comezan as xornadas formativas gratuítas sobre o ‘Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’
O secretario xeral para o Deporte destaca a importancia de “erradicar calquera tipo de violencia” na primeira xornada na que participaron unhas 80 persoas co obxectivo de formarse como delegados das súas entidades para a protección dos nenos, nenas e adolescentes
Santiago, 10 de xuño de 2023.- O secretario xeral para o deporte, Jose Ramón Lete Lasa, inaugurou esta mesma tarde na Escola Galega de Administración Pública a primeira xornada formativa, sobre a aplicación en nas entidades deportivas galegas do ‘Protocolo de protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’.
Esta primeira xornada contou con ao redor de 80 persoas de clubs e federacións deportivas, así como agrupacións deportivas escolares galegas, co obxectivo de formarse como a persoa delegada das súas entidades para a protección dos nenos, nenas e adolescentes. En total serán preto de medio milleiro de persoas que participarán nas xornadas formativas gratuítas que se desenvolverán ao longo das sete grandes cidades galegas: Vigo 12 de xuño; A Coruña 13 de xuño; Lugo 19 de xuño; Ourense 26 de xuño; Pontevedra 9 de xullo; e Ferrol 10 de xullo. Actualmente segue aberto o prazo de inscrición.
O mandatario galego, informou que no ano 2022 reportáronse un total de “150 casos de violencia que abarcan desde o abuso físico ata o abuso sexual, violencia psicolóxica, bullying ou presión excesiva”. Lete Lasa lembrou que o deporte é, ademais dunha actividade física, é “un instrumento social, un lugar de encontro, un mecanismo de evasión, unha fonte de saúde, unha terapia psicolóxica e, para moitos, un medio de vida”. Deste xeito sinalou a necesidade de “erradicar calquera tipo de violencia, máxime nestas idades temperás” e puxo o acento en “prever as violencias e establecer canles de intervención e protección, convertendo as entidades deportivas como espazos seguros e libres de violencia, promovendo unha contorna de respecto e bo trato”.
Deste xeito nace o ‘Protocolo e protección de nenos, nenas e adolescentes fronte a violencia no deporte’ como unha medida pioneira en Galicia, de obrigado cumprimento para todos os centros que realicen actividades deportiva e extensible por tanto a todas as federacións e clubs. O protocolo foi aprobado este mes de xuño pola Xunta a través do Observatorio Galego de Familia e Infancia, este enmárcase na Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia fronte á violencia. Para o desenvolvemento do protocolo, contouse coa colaboración da Unión de Federacións Deportivas Galegas (UFEDEGA).