Nova
12/11/2019
Institucionais

A Comisión Galega de Control da Violencia continúa traballando na salvagarda dos valores esenciais do deporte coa apertura de novos expedientes sancionadores

Ábrese expediente sancionador por falta grave a doce espectadores dos Rallys de San Froilán e de Narón por desobedecer á autoridade provocando perigos para si mesmos e para as persoas que realizaban a proba e avánzase nos expedientes dos partidos Laxe – Buño, Camariñas – Cabana e Racing de Castrelos – Tyde Club

Santiago, 12 de novembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu na mañá de hoxe a cuarta xuntanza da Comisión Galega de Control da Violencia na que se abriu expediente sancionador por falta grave a doce espectadores dos Rallys de San Froilán e de Narón por desobedecer á autoridade provocando perigos para si mesmos e para as persoas que realizaban a proba.

Do mesmo xeito, avanzouse nos expedientes sancionadores abertos polos distintos incidentes ocorridos nos partidos de fútbol de alevíns Laxe – Buño, Camariñas – Cabana das semifinais da Copa da Costa e Racing de Castrelos – Tyde Club do grupo V da Primeira Autonómica de Galicia.

O secretario xeral para o Deporte, actuando como presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia insistiu na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte”. “Hai unha radical incompatibilidade entre deporte e calquera forma de violencia polo que debemos actuar con contundencia e con firmeza pero tamén desde o sosego e a proporcionalidade”, sentenciou. Neste sentido advertiu que “a Comisión seguirá traballando día a día para que ningún suceso violento quede impune. Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte”.