Nova
31/07/2020
Institucionais

A Comisión Galega de Control da Violencia resolve tres expedientes con multas de ata 300 euros e prohibicións de acceso a calquera recinto deportivo de ata seis meses

Ademais, tras a lectura e aprobación das actas anteriores, admitíronse seis novos expedientes

 

Santiago, 31 de xullo de 2020-. A Comisión Galega de Control da Violencia vén de levar a cabo a súa sexta xuntanza desde que foi constituída para dar resposta ás denuncias e incidentes naquelas competicións deportivas oficiais no ámbito autonómico, provincial, zonal ou local.

Na reunión mantida hoxe resolvéronse tres expedientes relativos aos insultos proferidos por un afeccionado ao árbitro no Campo de fútbol de Paiosaco, os insultos dirixidos a unha xogadora nun partido de base, así como o tránsito de seis persoas por unha zona prohibida ao público no Rally de Narón con grave risco para a súa integridade e o desenvolvemento da proba deportiva. No primeiro caso resolveuse cunha multa de 150 euros ao infractor e a prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período de un mes. No segundo caso, acordouse unha multa de 300 euros e a prohibición de acceso a calquera recinto deportivo por un período de seis meses. No terceiro caso sancionarase a cada infractor cunha multa de 150 euros.

Ademais, tras a lectura e aprobación das actas anteriores, admitíronse seis novos expedientes relativos ao altercado con agresións nas gradas entres dous familiares do Maristas A e o AD Castro San Miguel en Vigo que motivaron a suspensión do partido de fútbol sala local pre-benxamín; o acceso dunha persoa co seu vehículo a un tramo da vía do Rally da Mariña Lucense que estaba restrinxido ao tráfico resultando cancelado o tramo e penalizando a 20 vehículos dos inscritos na proba; a denuncia pola existencia dun barril de cervexa con alcol e 40 botellas de alta gradación na barra das instalacións do Sada C.F.; os insultos racistas recibidos por un xogador no partido Mondoñedo Ciudad – Candelaria S.D. do grupo 7 da Segunda Rexional; os incidentes ocasionados polos adestradores de dous clubs de piragüismo da provincia de Pontevedra; así como os insultos e as ameazas dun afeccionado ao árbitro do partido do Grupo 10ºB da Primeira Autonómica Xuvenil entre os equipos do Velle B e o Seixalbo que xa provocara no seu día que a Comisión abrira dilixencias previas tan só un día despois dos feitos.

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insistiu, unha vez máis, na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e uniu este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia.