Nova
16/12/2022
Institucionais

A Comisión Galega de Control da Violencia segue amosando contundencia respecto a insultos, agresións e venda de alcol en instalacións deportivas

Todos os expedientes analizados pola Comisión nesta xuntanza foron relacionados con partidos de fútbol, polo que cómpre salientar o intenso traballo que se está a facer para erradicar a violencia neste deporte

Santiago, 15 de decembro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presidiu unha nova reunión -a décima- da Comisión Galega de Control da Violencia. Nesta nova xuntanza estudáronse un total de doce novos expedientes dos que se decidiu incoar tres procedementos sancionadores por infraccións graves ou moi graves. Todos os expedientes analizados pola Comisión nesta xuntanza foron relacionados con partidos de fútbol, polo que cómpre salientar o intenso traballo que se está a facer para erradicar a violencia neste deporte.

Dous dos expedientes sancionadores trátanse de dúas denuncias da Federación Galega de Fútbol por insultos e agresións nun partido de Primeira Autonómica de Cadetes e noutro da Liga Norte Xuvenil, respectivamente. O terceiro expediente sancionador ábrese pola venda de alcol e tabaco nas instalacións deportivas nun partido de fútbol da Liga Galega Xuvenil de Primeira tras a denuncia da Garda Civil.

Tamén se informou acerca doutros sete expedientes por motivo de comportamentos e actitudes agresivas e antideportivas cometidas por membros da Federación Galega de Fútbol, polo que deben ser sancionados por esta entidade. De feito un deles foi arquivado por xa constar a agresión como sancionada. Os outros dous expedientes restantes foron arquivados por non ser considerados os feitos como insultos ou ameazas sancionables pola Comisión Galega de Control da Violencia.

O secretario xeral para o Deporte e presidente da Comisión Galega de Controla da Violencia, José Ramón Lete Lasa, insistiu, unha vez máis, na “responsabilidade na salvagarda dos valores esenciais no deporte” e uniu este deber cos clubs, entidades deportivas e federacións, así como ás persoas organizadoras de competicións e espectáculos tal e como marca a Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia.