Nova
04/09/2025
Institucionais

A Copa e a Supercopa de balonmán levará este domingo a Fontecarmoa aos mellores equipos de Galicia

Lete Lasa destacou o incremento das licenzas que experimentaron unha subida de máis do 110% ao pasar dunhas 4.700 en 2009 a preto das 10.000 en 2024

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 4 de setembro de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación da Copa e da Supercopa Galicia de Balonmán 2025 que terá lugar este domingo no pavillón de Fontecarmoa coa participación “dos mellores equipos de Galicia que tamén son dos mellores de España” como o Carballal e o Cañiza na Copa feminina, o Novás e o Teucro na Copa masculina, o Guardés e o Porriño na Supercopa feminina e o Cisne e o Cangas na Supercopa masculina.

O mandatario galego destacou algúns dos fitos máis importantes da historia do noso balonmán como a tempada 1996/1997 na que competiron na máxima división nacional, na ASOBAL, catro equipos galegos, Teucro, Cangas, Chapela e Octavio; así como, máis recentemente, as dúas finais europeas acadadas polo Guardés en 2023 e polo Porriño neste mesmo ano.

Lete Lasa subliñou a importancia destes éxitos que fan medrar o número de practicantes en Galicia e lembrou que as licenzas experimentaron unha subida de máis do 110% ao pasar dunhas 4.700 en 2009 a preto das 10.000 en 2024, mentres que as femininas medraron nun 200% superando as 4.300.