Nova
17/01/2020
Federativas

Cto. Mundo Superenduro A Coruña

Os mellores pilotos do mundo no Coliseo

O Coliseum da Coruña por vez primeira na historia, é a sede da terceira proba valedoira para un certame que deu comezo en Cracovia o pasado 7 de decembro e que disputou o seu segundo evento o 4 de xaneiro na localidade alemá de Riesa. Cando se celebre o Gran Premio de España, aínda quedarán por diante dúas citas máis, a do 1 de febreiro en Budapest e a do 14 de marzo en Lodz, Polonia, que poñerá fin á presente tempada.

 

Categorías

 

Os pilotos que seguen o Mundial fano repartidos en dúas categorías, Prestige e Junior –esta, para os pilotos de menor idade-, e paralelamente, hai un terceiro bloque de participantes que militan na Copa de Europa, con carácter máis amateur. En cada Gran Premio os corredores de Prestige e Junior xóganse os puntos en tres finais independentes –dous para a Copa de Europa-, ás que se chega tras o paso polas correspondentes sesións de clasificación. Dentro da categoría Prestige, que congrega ás máximas estrelas da especialidade, ten lugar ademais a denominada Superpole, consistente nunha única volta cronometrada ao circuíto e que premia aos tres homes máis rápidos con puntos para o campionato, a razón de tres ao primeiro, dous ao segundo, e un ao terceiro. Se consideramos que a vitoria nunha final supón para a conta do eventual vencedor un ingreso de vinte puntos, entenderemos que a Superpole tampouco ten unha máxima relevancia.

Tanto as carreiras de clasificación como as propias finais son dunha relativa curta duración, pero dunha intensidade feroz e unha esixencia física extraordinaria. Os pilotos enfróntanse a circuítos que constitúen unha mestura de enduro extremo e supercrós, debendo afrontar por igual saltos propios desta última especialidade e os máis variados obstáculos artificiais, en forma de troncos, pedras, bañeiras de auga, areiros, etc. E non basta con superar sen máis todos eses obstáculos: hai que lograr facelo o máis rápido posible!    

 

Equipos de fábrica

 

Dous equipos de fábrica teñen presenza no Mundial de Superenduro. En primeiro lugar, o Red Bull KTM Factory Racing, que dirixe o excampeón do mundo de enduro Fabio Farioli e que, tras o paso do estadounidense Cody Webb ás filas de Sherco, conta esta tempada cos servizos do polaco Taddy Blazusiak e o británico Jonny Walker. Para Blazusiak, quen, por certo, en canto conclúa o actual certame pasará a lucir as cores de Gas Gas, trátase da décimo terceira campaña no campionato e loitará nesta ocasión por facerse co seu sétimo título mundial, sendo o piloto máis veterano e laureado da categoría Prestige. En canto a Jonny Walker, dicir que volve ao superenduro tras sufrir en 2018 dúas serias lesións que lle mantiveron apartado das carreiras durante un longo período de tempo.

Logo está a escuadra Rockstar Energy Husqvarna Factory, que funciona ás ordes de Andreas Hölz e cuxos intereses defenden o inglés Billy Bolt e o español Alfredo Gómez. Tamén Bolt regresa á competición despois dunha tempada de ausencia no campionato por culpa dunha inoportuna lesión, mentres que o madrileño vén a por todas e tentará mellorar ese segundo lugar da clasificación final que asinou en 2017.

 

Pilotos españois

 

Pero na categoría Prestige militan outros tres pilotos españois, que merecerán igualmente o apoio do público na Coruña. Eles son Pol Tarrés, Xavi León, e Álex Grau.  O primeiro deles corre encadrado nun equipo italiano, o TTR Officine Rigamonti, pilotando unha Husqvarna CHE 300i que prepara o propio equipo, e magoábase o dedo polgar da man dereita xusto antes da disputa do Gran Premio inaugural, celebrado en Cracovia e onde a pesar dos seus problemas físicos conseguiu meterse no «top 10» das tres finais.  Posteriormente pasaba polo quirófano, chegando á segunda cita do certame, a de Alemaña, sen apenas tempo para recuperarse, aínda que de novo volvía sumar uns valiosos puntos, mellorando ademais os seus resultados de Polonia.

A Xavi León, tamén armado con mecánica Husqvarna dous tempos de inxección e arroupado só polo apoio dos seus patrocinadores persoais, viámoslle igualmente dentro do «top 10» de Cracovia, pero na rolda xermana non tiña a mesma fortuna e lesionábase nocello e boneca, baixando con iso o seu rendemento nas finais. En canto ao terceiro español en liza, Álex Grau, este estivo presente nada máis na carreira polaca, da man do equipo Sherco Official Team que capitanea Ernest Dabán, quedándose a moi pouco de conseguir a clasificación para as finais, algo polo que sen dúbida volverá pelexar a matar na Coruña.

Como compañeiro de filas ten a Raúl Guimerá, aínda que este participa na categoría Junior, onde xa sumou os seus primeiros puntos, aínda que tampouco correu en Alemaña. E xa que falamos dos Junior, mencionar que o líder provisional é aquí o norteamericano Ty Cullins, debutante esta tempada no Mundial e que xa acumulou un total de catro triunfos. Á espera de coñecer a lista de rexistrados definitiva para o GP de España, é de supoñer que, polo menos nesta clase, outros dos nosos anímense a tomar parte na cita de casa.

 

Clasificación provisional

 

Ao Coliseum chegará Taddy Blazusiak encabezando a clasificación provisional en Prestige, cun total de 117 puntos e por diante de Billy Bolt -106-, Alfredo Gómez -87-, Jonny Walker -87 tamén- e un Pol Tarrés -58- que pecha o grupo dos cinco mellores. En canto a vitorias, é tamén Blazusiak quen ostenta a primeira posición, con catro na súa conta, fronte ás dúas que rexistrou Billy Bolt. E en Junior, como xa mencionamos, Ty Cullins leva a voz cantante con 112 puntos, tendo tras de si a Leon Hentschel  -97- e Adrien Jacon -82-.

Documentos
(616.91Kb)
Ligazóns