Nova
23/12/2020
Institucionais

Deporte Galego traballa no proxecto Ecodestin para afianzar a Galicia como potencia do turismo deportivo náutico e educativo

Lete Lasa destaca como a auga “vai no código xenético dos galegos e o deporte galego bebe desta tradición, polo que contamos coas mellores instalacións e os mellores deportistas”

Santiago, 23 de decembro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou virtualmente na mesa redonda de presentación do manual de boas prácticas Ecodestin para posicionar á Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal como espazo preferente para deportistas de elite universitarios en deportes náuticos. Este proxecto financiado con fondos europeos ten como principal obxectivo “incrementar a atracción do territorio a través do fomento e do desenvolvemento do patrimonio natural e cultural vinculado ás rías, ríos e costa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”. Ademais, dixo o mandatario galego, “tamén pretende posicionar á rexión como destino educativo e universitario náutico internacional a través de ofertas náuticas de excelencia que integren o patrimonio natural e cultural da rexión”. Lete Lasa destacou como a auga “vai no código xenético dos galegos e o deporte galego bebe desta tradición, polo que contamos coas mellores instalacións e os mellores deportistas”.

Na súa intervención gabou o traballo da Fundación Deporte Galego que leva a cabo varias actuacións que promoven o desenvolvemento do deporte e da educación como factores para enxalzar o territorio galego como destino deportivo. Por unha banda, o desenvolvemento de catro modelos educativos (un deles en colaboración co CIM-Alto Minho) para a súa aplicación tanto no ámbito escolar como en períodos vacacionais, tanto para familias como grupos de amigos que queiran gozar do noso patrimonio cultural e natural a través dos deportes náuticos. Pola outra, un gran traballo de análise da oferta deportiva, de instalacións, de servizos, que ofrece o marco da Eurorrexión, así como das titulacións universitarias existentes para crear un plan que nos posicione como espazo preferente para deportistas de elite universitarios.

​Ao fío destas ideas destacou outras actuacións da Xunta de Galicia como a posta en marcha do Congreso Ibérico de Turismo Deportivo levado a cabo en Expourense os pasados 16 e 17 de decembro; ou o novo decreto de alto nivel, de alto rendemento e de rendemento deportivo de base de Galicia, publicado polo DOG o pasado 29 de setembro, que inclúe, entre outras moitas vantaxes, a Oficina de Atención ao Deportista que ten por obxectivo ofrecer asesoramento sobre recursos e servizos para o desenvolvemento integral do deportista, durante e despois da carreira deportiva (formación, inserción laboral, conciliación laboral-deportiva e académico-deportiva...).