Nova
08/10/2019
Federativas

Dous galegos competindo a nivel internacional en MTBO

Pablo Fernández e Ángel García forman parte dos conxuntos nacionais de orientación en bicicleta de montaña 

Os deportistas de MTBO (orientación en bicicleta de montaña), Pablo Fernández (Fluvial de Lugo) e Ángel García (Brigantia) participaban a semana pasada no Campionato de Europa Xuvenil e na Copa do Mundo Senior, respectivamente, que se celebraban de forma conxunta en Alemaña. Ambos forman parte das Seleccións Españolas dirixidas pola tamén galega, Ana Varela, quen estivo a cargo do equipo durante todo a competición. 

Para Pablo Fernández era a súa primeira cita co conxunto nacional, mais o lugués volvía a casa con excelentes resultados. Na distancia sprint recollía o mellor posto masculino do campionato para España, cunha 15ª posición. Mentres tanto, na proba de remudas finalizaba, xunto a Paula Martín e Noel Espigares, en 7º lugar. Destacar tamén os seus postos individuais nas probas de bosque, terminando 16º na distancia media e 19º na longa.

Doutra banda, a presencia de Ángel García xa é habitual na Selección Española de MTBO. Recordamos ademais que este ano lograba a primeira medalla para España nunha competición internacional absoluta, co seu bronce no Campionato de Europa o pasado mes de xuño. Nesta última parada da Copa do Mundo Senior, García lograba a 22ª posición na distancia longa, mentres que no sprint terminaba no 30º posto. Por último, na proba de remudas, o seu equipo finalizaba 10º por países.