Nova
01/03/2022
Institucionais

As federacións deportivas galegas contribuirán á conciliación de máis de 3.200 familias por medio de programas de animación dirixidos a menores de 16 anos

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron un acordo co que a Xunta destinará 3,5M€ do Plan Corresponsables a programas socio-deportivos para rapazas e rapaces

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2022.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, asinaron hoxe un acordo de colaboración polo que se destinarán 3,5 millóns de euros do Plan Corresponsables para a promoción de actividades de animación socio deportiva a través das federacións deportivas galegas co obxectivo de contribuír á conciliación das familias.

O acordo, que terá unha vixencia dun ano, permitirá que as federacións reciban axudas directas para organizar uns 374 grupos de actividade de animación socio deportiva que chegarán a case 5.000 menores de 16 anos. Estímase axudar, a través destes programas, a máis de 3.200 familias galegas.

As federacións, ademais, habilitarán servizos de coidado profesional para os rapaces e rapazas en instalacións públicas. Deste xeito contribuirase a xerar emprego no sector dos coidados con cerca de 300 contratacións directas previstas.

Lorenzana subliñou que a iniciativa “permitirá articular un mecanismo saudable para reforzar o apoio ás necesidades de conciliación das familias, así como outros eixos de actuación relacionados coa creación de emprego ou co fomento da corresponsabilidade”.

Neste caso o deporte convértese en “aliado fundamental para conseguir unha sociedade máis saudable en todos os sentidos, aportando múltiples beneficios -a nivel físico, psicolóxico, de socialización e compañeirismo...- aos cativos e mocidade, así como unha gran tranquilidade ás súas nais e pais mentres traballan”, remarcou a conselleira.

Lete Lasa, pola súa banda, destacou o éxito de todas as campañas nas que a Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellería de Emprego e Igualdade danse a man e, neste sentido, lembrou como tras as axudas Galicia-Tokyo con Igualdade, o 72% dos olímpicos galegos e o 87,5% dos paralímpicos galegos regresaron dos Xogos entre os oito mellores do mundo; ou o undécimo título consecutivo acadado polo Burela, que forma parte da segunda edición do Plan de Patrocinio Publicitario dos Equipos de Alta Competición femininos.

Lete Lasa asegurou que o deporte galego sempre traballará pola igualdade efectiva entre homes e mulleres “porque sabemos que unha sociedade activa é unha sociedade saudable, pero unha sociedade activa e igualitaría o é aínda máis”.

Plan Corresponsables

Con este acordo de carácter sectorial, a Xunta está a executar o Plan Corresponsables con medidas de apoio específico para atender as necesidades de corresponsabilidade e de conciliación das familias. O documento supón ademais un paso adiante na promoción da igualdade entre mulleres e homes coa implicación directa das entidades deportivas.

Galicia dispón de 10,5 millóns de euros do Plan Corresponsables para reforzar as medidas autonómicas a prol da conciliación, coa finalidade de que exista un auténtico equilibrio na distribución das responsabilidades familiares e de facer compatible a maternidade e/ou paternidade co mercado laboral.

O acordo hoxe asinado, por outra banda, é exemplo da visión integral das políticas públicas en materia de igualdade que desenvolve a Xunta de Galicia, que opta por transversalizar as actuacións para que cheguen da maneira efectiva á cidadanía.