Nova
24/08/2021
Institucionais

As federacións nacional e autonómica de piragüismo acordan que Verducido sexa sede dos adestramentos de alto rendemento de canoa

Galicia volve a situarse como un referente do piragüismo nacional e mesmo internacional, como xa vén de demostrar nos Xogos Olímpicos de Toquio conquistando seis medallas olímpicas das que dúas foron gañadas por padexeiros galegos

Santiago, 24 de agosto de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na sinatura dos convenios de colaboración entre a Real Federación Española de Piragüismo, representada polo seu presidente Pedro Pablo Barrios, e a Federación Galega de Piragüismo, representada polo seu presidente, José Alfredo Bea. Por unha banda, a preparación dos adestramentos do Campionato do Mundo Júnior sub 23 e absoluto na modalidade de canoa masculina e canoa feminina de augas tranquilas levaranse a cabo no Centro de Piragüismo de Verducido ‘David Cal’ en Pontillón do Castro. Pola outra, o propio centro acollerá o desenvolvemento do programa de alto rendemento na modalidade de canoa masculina proxecto en augas tranquiilas.

Grazas a estes dous acordos, dixo o secretario xeral, Galicia volve a situarse como un referente do piragüismo nacional e mesmo internacional, como xa vén de demostrar nos Xogos Olímpicos de Toquio. Cómpre lembrar que, seis das 17 medallas da delegación española -un 33%- foron acadadas por deportistas galegos e cómpre salientar que, dentro destas sete medallas, dúas viñeron a Galicia en caiac, no K1 de Teresa Portela e no K4 de Carlos Arévalo e Rodrigo Germade, aos que habería que sumarlle os diplomas olímpicos do propio Arévalo en K1 e de Antía Jácome en C1.

Lete Lasa aproveitou a ocasión asemade para desexarlle a mellor das sortes a Adrián Mosquera que está a piques de converterse no primeiro padexeiro galego que compite nuns Xogos Paralímpicos.

Por último, o mandatario galego agradeceu o traballo conxunto de ambas as dúas federacións e destacou a importancia que un recinto deportivo de titularidade autonómica como Verducido reciba aos mellores representantes do piragüismo nacional. Unha cuestión, dixo, que pon de manifesto o bo traballo realizado en Galicia.