Nova
25/10/2023
Institucionais

Galicia acolle o terceiro campionato de España de Parasurf consecutivo afianzándose como referencia nacional e internacional do deporte adaptado

Anima aos sete galegos que tomarán partida no campionato e destaca a Daniel Souto, campión nacional en Visual 2 en 2022 e campión europeo en 2023, no evento celebrado en Valdoviño

Nigrán (Pontevedra), 24 de outubro de 2023.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na presentación do IV Campionato de España e III Campionato Galego de Parasurf que se celebrará ao longo desta semana na praia de Patos e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia. O mandatario galego celebrou que este sexa o terceiro campionato de España de surf adaptado consecutivo que se celebra en Nigrán e, ademais, que en dous deles o deporte galego fose quen de colocar a un dos seus deportistas como campión: Carlos Dopico en 2021 e Daniel Souto en 2023, ambos os dous na categoría Visual 2.

Para seguir coa xeira de bos resultados, Lete Lasa animou aos sete galegos que competirán durante esta semana en Patos: David González (Prone 2), Senén Álvarez (Prone 2), José María Díaz (Prone 2), Pablo Cabezas (Visual 1), Santiago de Lima (Visual 2), Alejandro Dosantos (Prone 2) e Daniel Souto (Visual 2). Do mesmo xeito felicitou o club local ‘Quenlla’ que conta con todos os deportistas galegos a excepción de Dani Souto, que pertence ao ‘Lobos de Mar’ da Coruña.

Lete Lasa destacou os últimos éxitos do surf galego como o gran papel de Esperanza Barreras -bicampioa mundial -carreira técnica e longa distancia- e Guillermo Carracedo -quinto en ondas- no Mundial de SUP (Stand Up Paddle) de Francia. Do mesmo xeito destacou os importantes campionatos de surf que se realizan en Galicia como o Pantín Classic, o Gadis Pro Junior de Razo, o Campionato de España de Surfing ou o Campionato de Europa de Surf Adaptado celebrado hai uns meses en Valdoviño e no que o vixente campión nacional, o galego Daniel Souto, proclamouse campión continental. Dentro destes fitos, dixo, tamén hai que destacar a creación do Núcleo de Adestramento Deportivo Especializado da Federación Galega de Surf que desde 2021 realiza o seu excelente labor en Nigrán.

O responsable do Deporte galego prognosticou novos éxitos do deporte adaptado galego en xeral e do surf adaptado en particular, que xa é unha referencia nacional e internacional. Neste sentido lembrou algunhas medidas levadas a cabo dende a Xunta de Galicia como a equiparación das bolas paralímpicas e olímpicas en todas as nosas liñas desde 2004; o número máis alto de deportistas galegos e galegas recoñecidos de alto nivel con discapacidade, cun total de 29; as tres prazas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para deportistas con discapacidade -remo, piragüismo e bádminton-; a axuda para os deportistas paralímpicos e olímpicos ao abeiro da campaña NON contra a violencia de xénero; ou a nova orde de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos para clubs deportivos galegos que conten con licenzas de deportistas con discapacidade que alcanza preto de 227.000 euros.