Nova
13/08/2020
Institucionais

Galicia conta con 521 deportistas galegos de alto nivel, o maior número de toda a historia

O número total de deportistas con discapacidade (17) tamén é o máximo histórico, o que reflicte o traballo feito pola Xunta de Galicia en prol do deporte adaptado

Santiago, 13 de agosto de 2020-. O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 30 de xullo de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2020, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, ao abeiro desta nova resolución recoñécense 22 novos deportistas galegos de alto nivel -7 mulleres, 15 homes e, dentro deles, 1 con discapacidade-. Cómpre lembrar que estes 22 deportistas recoñecidos corresponden a unha primeira fase do procedemento iniciado en xuño. Nos vindeiros meses recoñeceranse o resto de deportistas galegos de alto nivel do devandito procedemento.

En total, sumados aos outros 499 deportistas galegos de alto nivel recoñecidos en anteriores convocatorias, Galicia conta con 521 DGAN -212 mulleres, 309 homes- o maior número desde que se recoñecen os deportistas de alto nivel na comunidade. O número total de deportistas con discapacidade (17) tamén é o máximo histórico, o que reflicte o traballo feito pola Xunta de Galicia en prol do deporte adaptado.

O pasado 16 de abril publicábase a prórroga de seis meses para 126 deportistas DGAN que remataban a súa vixencia durante o ano 2020 como medida de carácter extraordinario para previr e conter o coronavirus e mitigar o impacto sanitario, social e económico.

Decreto DGAN

O pasado 11 de xullo o Consello da Xunta aprobaba o proxecto de decreto polo que se regula o deporte de alto nivel. O novo decreto regulará o deporte de alto nivel de Galicia e, como principal novidade, regulará tamén o alto rendemento deportivo e o rendemento deportivo de base.

O novo decreto establece asemade o catálogo de dereitos e obrigas dos axentes deportivos recoñecidos nas distintas categorías como dereitos de carácter educativo, laboral ou económico que inclúen importantes vantaxes con respecto á norma vixente; así como o procedemento e requisitos establecidos para o recoñecemento de deportistas e tamén a técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, como novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo. Asemade establécese a posibilidade de obter este recoñecemento con carácter vitalicio.

Tamén se regulará dentro deste novo texto o recoñecemento dos centros de alto nivel e os núcleos de adestramento especializado e, como un dos puntos de meirande importancia, a creación da Oficina de Atención ao Deportista, ferramenta necesaria dentro de calquera sistema de protección global e efectiva dos axentes deportivos, e que permitirá a súa atención, dende o asesoramento, en todas as etapas da súa carreira e dedicación competitiva.