Nova
27/09/2019
Institucionais

Inaugurado o curso 2019/2020 do Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo que se posiciona como “un dos posgraos máis destacados do país”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destaca a “especial presenza” do deporte en España e en Galicia e lembra como a Xunta “contempla expresamente o fomento da práctica deportiva” na Estratexia de Turismo 2020

Ourense, 27 de setembro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou no serán de hoxe o curso 2019/2020 do Máster en Xestión Empresarial do Deporte da Universidade de Vigo. O acto que tivo lugar na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo serviu para “felicitar a celebración deste posgrao que logrou posicionarse como un dos máis destacados no noso país, oito anos de traxectoria avalados polo crecente interese do alumnado, polo gran nivel do seu claustro e pola constante actualización de contidos”.

Lete Lasa destacou que o deporte “demanda dunha atención académica e formativa de calidade” e que cómpre “analizar e estudar a oportunidade da industria e o sector deportivo desde o punto de vista da súa xestión, fomentando o estudo e investigación e, en última instancia, apontoando o seu peso específico no posicionamento económico do país”.

No seu relatorio o mandatario galego destacou a “especial presenza” do deporte en España e en Galicia e lembrou como a Xunta de Galicia “contempla expresamente o fomento da práctica deportiva” na Estratexia de Turismo 2020. Lete Lasa destacou o deporte “como elemento desestacionalizador” e enumerou as “amplas e enormemente positivas” oportunidades que presenta como a innovación, colaboración, sustentabilidade, competitividade e transformación dixital que permitirán obter produtos cun maior valor engadido, e abrir ou consolidar modelos de negocio adaptados ás circunstancias actuais para conseguir a máxima eficiencia”.

Cara o fin do seu discurso, o secretario xeral gabou a figura do presidente do COE, Alejandro Blanco, presente na inauguración do curso como “un home sobradamente coñecido por todos, e merecidamente recoñecido pola súa aposta polo deporte olímpico español”.