Nova
10/03/2020
Institucionais

Inaugurado o curso 'Xestión de entidades deportivas: retos e desafíos de clubs, federacións e asociacións' na EGAP

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020.- A Escola Galega de Administración Pública vén de inaugurar o curso de xestión deportiva ‘Xestión de Entidades Deportivas: retos e desafíos de Clubs, Federacións e Asociacións’ que se celebra na Escola Galega de Administración Pública.

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou que “o auténtico motor dinamizador do deporte atópase nas propias entidades deportivas” mentres que “as administracións públicas, xogamos un papel de facilitadores, de apoio e recoñecemento sobre todo na dotación de instalacións e infraestruturas e na facilitación de medios, medidas e recursos”.

Lete Lasa subliñou ademais que a “xestión adecuada e a administración sólida” do deporte posibilita o fortalecemento do sistema, “o crecemento e rendemento deportivo, e en xeral a consolidación da nosa actividade de fomento da práctica de actividade física e de deporte”.

O curso que se celebra en sete xornadas de martes ata o vindeiro 28 de abril, servirá para achegar ás persoas destinatarias -empregados das administracións públicas de Galicia-as principais cuestións referentes ao proceso de xestión das entidades deportivas, facendo especial fincapé nos aspectos económicos, procedementais e lexislativos dende un punto de vista eminentemente práctico.