Nova
14/02/2019
Institucionais

José Ramón Lete Lasa ratifica o seu compromiso co deportista galego de alto nivel e anuncia posibles vías de colaboración co Programa de Atención do CSD

A Escola Galega de Administración Pública acolleu a xuntanza na que participaron os responsables do Programa de Atención al Deportista de Alto Nivel (PROAD), membros do equipo directivo da Secretaría Xeral para o Deporte, da Fundación Deporte Galego e o persoal da Fundación ONCE que desenvolve a plataforma ‘Eu son DGAN’

Santiago, 14 de febreiro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo unha reunión de traballo na mañá de hoxe cos responsables do Programa de Atención al Deportista de Alto Nivel (PROAD) do Consejo Superior de Deportes. Nesta reunión tamén participaron os membros do equip o directivo da Secretaría Xeral para o Deporte, da Fundación Deporte Galego, así como o persoal da Fundación ONCE que desenvolve a plataforma ‘Eu son DGAN’ que desde o pasado mes de novembro de 2017 axuda aos deportistas galegos e galegas de alto nivel á súa inserción laboral.

Nesta xuntanza, o máximo responsable do Deporte galego salientou a figura do deportista galego, nomeadamente o deportista galego de alto nivel, como unha das prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte. Neste sentido, Lete Lasa informou da intención de que Galicia traballe da man co Programa de Atención al Deportista de Alto Nivel (PROAD).

A idea exposta polo mandatario galego é aproveitar a atención individualizada presencial e telemática deste programa que integra e ofrece información, asesoramento, orientación, intermediación e xestión de todos os recursos que poidan necesitar os deportistas de alto nivel para facilitar o seu proceso de transición profesional ao finalizar a súa actividade deportiva. O PROAD conta cunha rede de titores-consultores asignados aos deportistas e supervisados por uns coordinadores, que analizan xunto cos deportistas o seu itinerario profesional e formativo en base ás necesidades detectadas.

Este traballo realizarase de xeito coordinado con ‘Eu son DGAN’ que procura a integración laboral das e dos deportistas de alto nivel traballando desde un primeiro momento na compensación das dificultades que a práctica do deporte de alta competición pode causar na formación e na integración laboral dos deportistas. ‘Eu son DGAN’ está destinado a todos os deportistas galegos de alto nivel.