Nova
29/11/2021
Institucionais

Lete anima aos máis novos a seguir os pasos das xogadoras do Burela que participarán na Champions feminina de Lugo auspiciada pola UEFA

A  Xunta de Galicia, a través do Xacobeo, patrocina con 25.000 euros o evento que terá lugar no Pazo Provincial dos Deportes do 2 ao 5 de decembro e que contará coa participación dos equipos gañadores das ligas de España, Rusia, Croacia, Portugal, Italia e Ucraína

 

Lugo, 29 de novembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado da Xunta na provincia, Javier Arias, participou na mañá de hoxe da presentación da Futsal Women's European Champions na que competirá o Pescados Rubén Burela FS do 2 ao 5 de decembro no Pazo Provincial de Deportes. No acto que tivo lugar no Hotel Torre de Núñez, o mandatario galego asegurou que "falar de fútbol e Champions é falar do deporte galego" e recordou os éxitos de Lucas Vázquez, tres veces campión da Champions de fútbol, de Vero Boquete, primeria campioa española da Champions de fútbol feminino ou de Pola, dúas veces campión da Liga de Campións de fútbol sala. Neste sentido lembrou a vitoria do Burela no 4 Nations Futsal de Milán d e 2019 e amosou o seu convencemento de que as 'Guerreiras laranxas' se volvan a alzar cun novo triunfo internacional nesta da Futsal Women's European Champions.

O secretario xeral mandou unha mensaxe de igualdade a todos os nenos e nenas aos que animou a imitar o exemplo dos referentes galegos no fútbol, porque para ser campión de Europa "tanto ten seguir os pasos de Lucas Vázquez ou de Pola como de Vero Boquere ou de Peque". Precisamente, Lete Lasa lembrou os grandes éxitos do Burela no ano da pandemia no que gañou todos os títulos que disputou -Liga, Copa e Supercopa- e que ademais, foi nomeado como o mellor equipo do mundo coa xogadora Peque, como a segunda mellor e o adestrador Julio Delgado, tamén como o segundo mellor do mundo.

O responsable da carteira autonómica de Deporte subliñou a importancia de que unha competición tan importante como a Futsal Women's European Champions, que conta co selo da UEFA, recale en Lugo, o que demostra que, "ademais dos mellores deportistas e clubs, contamos cos mellores organizadores de eventos deportivos e cos mellores campionatos". Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia patrocina este evento con 25.000 euros. 

Futsal Women's European Champions

O Futsal Women's European Champions contará cos equipos de MFC Normannochka (Rusia), ZNK Osijek (Croacia) e Pescados Rubén Burela FS (España), encadrados no Grupo A, e de Benfica SL (Portugal), WFC Tesla (Ucraína) e Futsal Pescara Feminile (Italia), encadrados no Grupo B. O vindeiro xoves 2 de decembro, a competición dará comezo cos partidos entre o Benfica e o Tesla (17,30) e entre o Burela e o Osijek (20,00). A final será o vindeiro domingo 5 ás 13,00 horas entre os gañadores dos dous grupos.