Nova
20/07/2021
Institucionais

Lete asegura que a vela galega pode acadar tres medallas en Toquio na presentación do Trofeo Conde de Gondomar

A 46ª edición do Trofeo Conde de Gondomar Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, organizada polo Monte Real Club de Yates de Baiona do 23 ao 25 de xullo, porá en liza tanto o Treofeo Conde de Gondomar como o Trofeo Erizana

Baiona (Pontevedra), 20 de xullo de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación da 46ª edición do Trofeo Conde de Gondomar Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona e que terá lugar do 23 ao 25 de xullo, poñendo en liza tanto o Treofeo Conde de Gondomar como o Trofeo Erizana.

Lete Lasa salientou nas súas verbas que “para a Xunta de Galicia o sector da náutica é un sector estratéxico e, aínda que está profundamente arraigado á esencia do noso pobo, sempre falamos do seu gran potencial de crecemento”. Segundo José Ramón Lete Lasa “o mundo da vela goza dunha excelente saúde, con 2.000 licenzas e sendo unha das modaliades deportivas que máis éxito nos deu. Alégrome -continuou dicindo- de que o Trofeo Conde de Gondomar veña celebrándose ininterrompidamente durante estas 46 edicións, e é que o deporte da vela é, sen dúbida, un deporte seguro”.

Neste sentido, lembrou a grande oportunidade que ten Galicia de acadar tres novas medallas olímpicas en Toquio, depositando “todas as nosas esperanzas en Nico García Paz, Támara Echegoyen e Iago López Marra, que de seguro realizarán un gran papel”.

Uns 40 barcos mediranse en tres xornadas de regatas que incluirán dous percorridos de media e gran distancia e dúas probas técnicas nas Rías Baixas. Cómpre salientar que no programa da competición atópase un ano máis o mítico percorrido entre Baiona e o Carrumeiro Chico, en Corcubión, próximo ás 100 millas.