Lete destaca a alianza entre a Fundación Denis Suárez e Nortempo como un novo fito para a inserción laboral dos deportistas
Lembra o convenio asinado pola Xunta coa Confederación de Empresarios de Galicia para favorecer a inserción laboral dos deportistas de alto nivel e, ao mesmo tempo, difundir accións, formación e informacións empresariais de interese, no marco da Oficina de Atención ao Deportista
Salceda de Caselas (Pontevedra), 10 de outubro de 2025.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na presentación da alianza entre a Fundación Denis Suárez e o Grupo Nortempo que “dimensionará o seu alcance social, profesionalizará a súa estrutura e liderará o ámbito das escolas deportivas a través de iniciativas innovadoras, inclusivas e humanas”. Un traballo que redundará, segundo o secretario xeral, na inserción laboral dos deportistas novos grazas ás ferramentas e recursos formativos dos que disporán”. Neste sentido puxo de manifesto a consonancia coas políticas da Xunta que, en abril do presente ano, asinou un convenio coa Confederación de Empresarios de Galicia para favorecer a inserción laboral dos deportistas de alto nivel e, ao mesmo tempo, difundir accións, formación e informacións empresariais de interese, no marco da Oficina de Atención ao Deportista.
Lete Lasa destacou a estas dúas entidades como líderes en cadanseu sector, a Fundación Denis Suárez pola súa contribución integral da infancia e a xuventude, promovendo valores ligados a un estilo de vida saudable e inspirando e apoiando a moitos deportistas en Galicia, así como a Nortempo pola súa xestión de recursos humanos e solucións para o emprego.
O mandatario galego destacou moitas as actividades que se realizan dende a Fundación como o desenvolvemento de nenos e nenas garantindo a promoción de valores con actividades deportivas, educativas e de carácter social e tamén resaltou o papel da entidade no programa da Xunta ‘Xuventude Mentoring’, como beneficiaria do mesmo co apoio de dez empresas galegas das que a metade se atopan no rural, e que reforza a empregabilidade e as competencias profesionais dos mozos galegos.