Nova
15/10/2020
Institucionais

Lete destaca a capacidade de adaptación de federacións como a de balonmán que vén de presentar a súa máscara oficial cun alto grao de filtración bacteriana e respirabilidade

  • A máscara técnica oficial da Federación foi realizada pola empresa galega Amura Sport, que xa traballa no modelo 2.0

Vigo, 15 de outubro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou hoxe na presentación da máscara oficial da Federación Galega de Balonmán realizada xunto á empresa galega Amura Sport. O mandatario galego destacou a capacidade de adaptación das federacións deportivas galegas como a de balonmán que “imaxinan solucións intelixentes aos problemas que dispón a pandemia”. Do mesmo xeito lembrou que “cada vez son máis os datos de científicos e expertos que avalan que coa máscara non descende o rendemento e que é a única forma segura de facer deporte”.

A máscara presentada hoxe destaca pola súa ergonomía, o seu alto grao de filtración bacteriana (superior ao 90%), a súa lixeireza, o seu sistema de suxeición adaptado ás necesidades do balonmán ou o seu índice de respirabilidade (13Pa/cm2). Con respecto ao seu uso, ten unha vida útil recomendada de 20 lavados (con deterxente normal a un máximo de 60 grados, na lavadora). Federación e empresa levan semanas traballando nunha máscara que se adapte do mellor xeito á práctica deportiva aínda que xa están a desenvolver o modelo 2.0.

Cómpre salientar que a Federación Galega de Balonmán investirá os cartos recadados nesta campaña no financiamento de máscaras a repartir entre os diferentes clubs, coa finalidade de que ningún neno deixe de practicar balonmán pola imposibilidade de adquirilas.