Nova
16/06/2021
Institucionais

Lete destaca a “constancia, disciplina e esforzo” que o kung fu transmite aos máis pequenos na presentación do Campionato galego escolar

No campionato do vindeiro sábado participarán preto de 400 nenos e nenas de entre 7 e 15 anos nas categorías alevín e infantil dende o cinto amarelo ata o cinto negro, todos eles protexidos pola póliza Xogade 6-16

Lugo, 16 de xuño de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, vén de presentar o XXXVII Campionato de Galicia Escolar de Kung Fu que terá lugar en Lugo o vindeiro sábado 19 de xuño no Polideportivo Municipal de Lugo.

O mandatario galego destacou o kung fu, que engloba todas as artes marciais de orixe chinesa e o seu significado de “habilidade ou mestría adquirida con tempo, constancia, disciplina e esforzo”, como os principais valores que o deporte galego quere transmitir aos máis pequenos.

Neste sentido destacou tamén que no campionato do vindeiro sábado participarán preto de 400 nenos e nenas de entre 7 e 15 anos nas categorías alevín e infantil dende o cinto amarelo ata o cinto negro, todos eles protexidos pola póliza Xogade 6-16 que financia integramente a Xunta de Galicia. “Desde o ano 2009, a Xunta decidiu incorporar a actividade deportiva nos centros educativos de toda Galicia co obxectivo de levar a actividade a todos os concellos galegos e brindarlles aos escolares a posibilidade de practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma”, apuntou.