Nova
30/06/2022
Institucionais

Lete destaca “a enteireza mental dos nosos deportistas” que permitiron que o deporte galego non se detivera durante a pandemia

O secretario xeral para o Deporte ofrece unha charla sobre “A pandemia da COVID-19 e a saúde mental dos deportistas” no eido do Campus do Emprendemento e do Saber de Noia

_Lembra os grandes resultados acadados polos deportistas galegos olímpicos e paralímpicos en Toquio

_Asegura que a Xunta seguirá traballando en prol do deporte e dos deportistas con novidades como a conta satélite do deporte ou a Oficina de Atención ao Deportista

Noia, 30 de xuño de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu no día de hoxe á terceira xornada do Curso de Deporte e Saúde Mental, que se engloba dentro do programa que leva a cabo o Campus do Emprendemento e do Saber de Noia. Alí, Lete Lasa valorou o grande esforzo de todos os deportistas galegos e felicitou ao sector polo seu comportamento que posibilitou que Galicia saíra “antes e mellor” do confinamento e que o deporte galego “nunca se paralizara”. “A enteireza mental amosada por todo o tecido deportivo reflectiuse tempo despois cos grandes resultados acadados en Toquio”, sinalou. 

Neste sentido, o mandatario galego lembrou que os de 2020 foron os Xogos con maior representación galega da historia (20 galegos e galegas e 5 máis con licencia en Galicia) que obtiveron unha de cada tres medallas para o noso país e unha cuarta parte dos diplomas olímpicos. Pola súa banda, os deportistas paralímpicos obtiveron dous ouros, dúas pratas, un bronce e quince diplomas, quedando entre os oito primeiros o 87,5% deles.

Na súa charla, Lete Lasa destacou asemade as medidas sanitarias levadas a cabo, subliñando a importancia da implementación do protocolo FISICOVID-DXTGALEGO dirixido ao deporte federado de Galicia, que permitiu realizar competicións seguras, detectando os novos casos nos deportistas con tempo suficiente e evitando grandes gromos do virus.

Lete Lasa tamén falou da implicación económica da Xunta de Galicia en materia de deporte, invertendo 8 millóns de euros en 2021 para a reactivación do deporte galego en axudas directas a federacións e clubs deportivos. Ademais dos recursos propios do orzamento deportivo anual da Xunta, no último trimestre de 2021, a Secretaría Xeral para o Deporte recibiu  5,7 millóns de euros procedentes dos Fondos de Consenso. Para este exercicio de 2022, a Secretaría aumenta lixeiramente o seu orzamento inicial ata os 32.489.463€, un orzamento que xa aumentara o ano pasado un 28,5% respecto ó 2020. Como o dirixente indicou “Galicia sempre camiñou da man do tecido deportivo galego e impulsou numerosas medidas para facilitar o camiño da volta á normalidade”.

O responsable do deporte galego asegurou que a Xunta seguirá traballando en prol do deporte e dos deportistas marcando obxectivos nos que xa está traballando e que verán a luz nas vindeiras datas como a conta satélite do deporte ou a Oficina de Atención ao Deportista.

Pílulas solidarias

O secretario xeral para o Deporte puxo de relevo o proxecto levado a cabo pola Xunta de Galicia xunto á Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte e a Universidade Liberquaré durante o confinamento, chamado “Pílulas Solidarias”. Consistente nunha plataforma de adestramento mental en directo, ía dirixida a cerca de 2.000 persoas relacionadas co mundo deportivo e que se puxo en marcha rapidamente no sexto día de confinamento. Estas pílulas son 50 vídeos de entre 10 e 20 minutos, nos que profesionais relacionados co mundo do deporte e da psicoloxía deportiva interveñen co obxectivo de minimizar o deterioro ou dano que o confinamento puidera causar na preparación física dos deportistas a raíz da pandemia. Os devanditos vídeos foron recollidos nun libro homónimo, en cuxa elaboración a Secretaría Xeral para o Deporte estivo comprometida.

O evento, dirixido polo profesor da Universidade de Vigo e especialista en psicoloxía deportiva Joaquín Dosil, tivo como obxectivo dar a coñecer a saúde mental no deporte de iniciación e de rendemento, crear hábitos de saúde mental a través do deporte, presentar programas de saúde mental neste e coñecer o papel do adestrador na saúde mental dos seus deportistas.