Nova
21/04/2021
Institucionais

Lete destaca o pavillón de Crecente como “exemplo de boa xestión, planificación e mantemento” que vén de ser rehabilitado pola Xunta

En total, o orzamento da actuación alcanzou os 105.176,88 euros, dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achega o 60% (62.000 euros) e o Concello de Crecente, o restante 40%

Crecente (Pontevedra), 20 de abril de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou na mañá de hoxe o Pavillón Municipal do Concello e Crecente que vén de ser rehabilitado a través dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Goberno local para acometer as obras de substitución do material de cubrición da instalación. En total, o orzamento da actuación alcanzou os 105.176,88 euros, dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achega o 60% (62.000 euros) e o Concello de Crecente, o restante 40%.

O mandatario galego enxalzou a colaboración entre ambos os dous gobernos e destacou o pavillón municipal como un “exemplo de boa xestión, planificación e mantemento”. Neste sentido, lembrou que o concello pontevedrés conta cunha oferta de servizos inmellorable para os seus 2.000 habitantes, dentro da que destaca a proposta deportiva. “A Xunta de Galicia seguirá colaborando cos concellos para dotalos das mellores infraestruturas deportivas e para que todos os galegos e galegas poidan manter unha vida activa e saudable nas mellores condicións”, asegurou.

En total, dos 32.474.216 euros cos que conta a Secretaría Xeral para o Deporte en 2021 (un 28,5% máis que en 2020), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020 cando se destinou ao mesmo obxecto 4,2 millóns de euros.