Nova
20/12/2021
Institucionais

Lete destaca “o traballo, a ilusión e a calidade” dos cen anos do atletismo galego e lembra o esforzo da Xunta na renovación do seu mapa de infraestruturas

Destaca a vindeira renovación da pista de atletismo da USC; a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira; os compromisos da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo, así como da nova pista da Estrada; a adxudicación do módulo cuberto do IFEVI en Vigo ou as obras nas pistas de Negreira e Cangas; e, como non, a “mellor pista cuberta de España en Ourense que con tan só cinco anos de vida volverá acoller un Campionato de España Absoluto en 2022”

Lalín (Pontevedra), 17 de decembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe da Gala do centenario da Federación Galega de Atletismo, constituída en Vigo o 27 de marzo de 1921, “tan só 25 anos despois dos primeiros Xogos Olímpicos da Era Moderna”. Lete Lasa asegurou que dende aquela, o atletismo galego reflicte o “traballo duro, a ilusión e a materia prima e calidade” que o levaron a acadar 26 atletas olímpicos galegos e, neste 2021, a primeira medalla olímpica do atletismo galego, o bronce de Ana Peleteiro en triplo salto.

O secretario xeral destacou que eses 26 atletas olímpicos, representan máis do 20% de todos os deportistas olímpicos galegos, un total de 127 con 185 participacións. “O primeiro foi Manuel Molezún, que nacía hai tamén cen anos e participou en Londres 1948 en 110 metros valos, mentres que os últimos mais non os derradeiros, foron Ana Peleteiro, Adrián Ben e Belén Toimil”.

Lete Lasa tamén tivo palabras de recoñecemento para a delegación paralímpica que estivo en Toquio. Dos 14 deportistas e dous guías, que no seu 87,5% regresaron entre os oito mellores do mundo, destacou a todo o equipo galego de atletismo formado por Adi Iglesias, Desi Vila, Gustavo Nieves, Susana Rodríguez Gacio e o seu guía Celso Comesaña. Todos os atletas paralímpicos galegos presentes en Toquio acadaron alomenos un diploma.

O responsable da carteira de Deporte da Xunta destacou o esforzo do Goberno galego na renovación do mapa de infraestruturas do Goberno galego. Neste sentido destacou a vindeira renovación da pista de atletismo da USC (Santiago) cun convenio de colaboración de medio millón de euros; a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira (A Coruña); os compromisos da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo (Lugo); así como da nova pista da Estrada (Pontevedra); a adxudicación do módulo cuberto do IFEVI en Vigo ou obras nas pistas de atletismo de Negreira (A Coruña) ou Cangas (Pontevedra). Do mesmo xeito, resaltou a “mellor pista cuberta de España en Ourense na que xa levamos investidos 4,3 millóns de euros e que con tan só catro anos de vida volverá acoller un Campionato de España Absoluto en 2022”.

Cómpre salientar que o secretario xeral para o Deporte recibiu de mans do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, un recoñecemento polo apoio da Secretaría Xeral ao atletismo galego.