Nova
20/11/2022
Institucionais

Lete destaca os fitos do deporte mosense que se viste de gala coa renovación do campo das Baloutas e a Factoría do Deporte Galego

O campo estreouse cun partido da Primeira Nacional Feminina de España entre o Unión Deportiva Mos e o CD Olímpico de León

20 de novembro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe na inauguración do novo céspede artificial do Campo Municipal das Baloutas tras a reforma cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Concello de Mos. A obra contou cun orzamento total de preto de 200.000 euros (188.793,93 euros), dos que a Xunta achegou o 53% (100.000 euros), mentres que o Concello contribuíu co 47% restante.

A inauguración do campo tivo como principal aliciente a disputa do partido correspondente á novena xornada da Primeira Nacional Feminina de España entre o Unión Deportiva Mos e o CD Olímpico de León. O secretario xeral destacou que a nova posta en marcha deste campo fose cun partido feminino, xa que no campo das Baloutas adestran e compiten unha vintena de equipos, na súa maioría da Unión Deportiva Mos, entre os que destacan cinco equipos femininos.

Neste sentido, Lete Lasa lembrou que o proxecto ‘Factoría Deporte Galego-Galicia Sports 360’ do Real Club Celta de Vigo que se emprazará en Mos e que vén de acadar a declaración de interese autonómico, tamén é unha aposta polo deporte feminino xa que as instalacións da Madroa quedarán reservadas para o fútbol feminino e crearase a sección de fútbol feminino do Real Club Celta.

O mandatario galego lembrou a grandes persoeiros do deporte mosense como os ciclistas Óscar Pereiro e Susana Alonso, a bailadora Patricia Martínez, o triatleta Heber Rodríguez, a atleta Soledad Castro ou os futbolistas Rubén Blanco e Brais Méndez.