Nova
25/02/2024
Institucionais

Lete destaca a puxanza do piragüismo en augas bravas galego con competicións como a Copa de España de Slálom Olímpico en Mondariz-Balneario

O secretario xeral apunta que a Xunta segue estudando a posibilidade de levar a cabo unha canle permanente de augas bravas en Galicia como unha das prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte

Mondariz-Balneario (Pontevedra), 25 de febreiro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu na mañá de hoxe á celebración da I Copa de España de Slálom Olímpico celebrada na canle de augas bravas do río Tea ao seu paso polo Concello de Mondariz-Balneario.

Alí, o mandatario galego destacou a puxanza do piragüismo en augas bravas galego grazas á calidade dos seus representantes, entre os que destacou aos padexeiros de slálom como Ainhoa Lameiro, Manu Ocho, Daniel Pérez Cortegoso ou Luis Fernández, que a finais de setembro do ano pasado acadaba a praza olímpica para España en C1. Lete Lasa destacou ademais, a importancia de que se celebren en Galicia competicións tan importantes como esta I Copa de España de Slálom Olímpico, xa permite que os mellores padexeiros e padexeiras de todo o país se acheguen a Galicia a coñecer as nosas infraestruturas deportivas.

Neste sentido, o secretario xeral para o Deporte apuntou que a Xunta segue estudando a posibilidade de levar a cabo unha canle permanente de augas bravas en Galicia como unha das prioridades da Secretaría Xeral para o Deporte.