Nova
30/09/2022
Institucionais

Lete Lasa afianza o compromiso da Xunta co deporte como motor económico e social nunha nova tempada que aspira a bater récords

Así o apuntou na inauguración do Máster en Xestión Empresarial do Deporte, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense da Universidade de Vigo

Ourense, 30 de setembro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou na tarde de hoxe o Máster en Xestión Empresarial do Deporte, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Lete Lasa definiu a este posgrao oficial como un programa único en Galicia e dos poucos en España que se atopa no número 13 da Clasificación Mundial 2021 de Masters en Sport Management elaborado por Sport Business International.

O mandatario galego afianzou, unha vez máis, o compromiso da Xunta de Galicia nunha nova tempada que aspira a bater récords, tamén orzamentarios, sen ter en conta os fondos europeos que alcanzarán pouco máis de 4,3 millóns. “O goberno galego seguirá impulsando o noso sector deportivo, sobre a base principal de que a práctica deportiva e de actividade física e o avance social manteñen unha relación de crecemento directamente proporcional”, apuntou.

O responsable da carteira de Deporte da Xunta de Galicia aseverou que, a pesar da pandemia, “o sector deportivo continúa sendo un ámbito económico en alza que contribúe ao crecemento, ao emprego e, en definitiva, á prosperidade dun país”. Neste sentido asegurou que Galicia seguirá sendo referente na “organización de competicións, na construción e xestión de instalacións e no financiamento da actividade deportiva”.