Nova
22/01/2024
Institucionais

Lete Lasa anima aos 34 deportistas galegos que se darán cita no Campionato de España de billar a tres bandas de Padrón

O billar galego conta con 2.361 licenzas das que o 41% (963) son femininas

Padrón (A Coruña), 22 de xaneiro de 2024.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do Campionato de España de Billar a Tres Bandas que se celebrará no Hotel Scala de Padrón do 21 ao 27 de xaneiro. O campionato, de grande tradición, pois xa transita pola súa edición número 90, contará coa participación dun total de 165 deportistas de todos os lugares de España.

O mandatario galego animou aos 34 galegos e galegas -un de cada cinco participantes- que tentarán acadar este campionato nacional e salientou as opcións de José Manuel Manteiga que vén de proclamarse campión galego no pasado mes de decembro. Lete Lasa fixo fincapé no excelente nivel do billar galego que conta con tres deportistas galegos de alto nivel como son: Álvaro Lama -campión de España Júnior en 2022-, Diego Rey -subcampión de España absoluto en snooker en 2022- e María Teresa Ropero -campioa de España en bola 10 en 2021-. Ademais, destacou a importancia dos 22 clubs galegos con actividade e as 2.361 licenzas actuais, sendo o 41% (963) femininas.

Neste sentido, o secretario xeral destacou a importancia da participación neste torneo de Ana Juárez Ginesta -única muller presente no nacional- como “unha sinal de motivación e unha mensaxe de ánimo para moitas outras que seguro participarán en próximas competicións”.