Nova
31/07/2019
Institucionais

Lete Lasa anima á selección española xuvenil de remo concentrada en Laias que disputará nas vindeiras datas o Mundial de Toquio e a Copa da Xuventude de Corgeno

A concentración está composta por un total de 34 remeiros e remeiras entre os que destacan seis galegos e galegas

Cenlle (Ourense), 31 de xullo de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, desprazouse no día de hoxe ata o Balneario de Laias, en Cenlle, onde se atopa concentrada a selección nacional de remo que disputará nas vindeiras datas o Campionato do Mundo Xuvenil en Toquio (Xapón) e a Copa da Xuventude en Corgeno (Italia).

A concentración española xuvenil de Laias está composta por un total de 34 remeiros e remeiras entre os que destacan seis galegos e galegas: Iria Jarama, Mónica Castro, Diego Veiga e Ángela Vázquez (do Club Remo Olímpico do Mandeo), Malena Barro (Club Remo San Felipe), Carlota González (Club Remo do Miño) e Caetano Horta (Club de Mar de Noia).

A Xunta de Galicia apoia á Federación Galega de Remo cunha subida dun 35% do convenio asinado en 2019 que acada os 116.000 euros grazas á achega da Secretaría Xeral para o Deporte (103.000 euros) e da Secretaría Xeral de Igualdade (13.000 euros). O convenio asinado coa Liga Galega de Traíñas sobe ata os 110.000 euros rexistrando un aumento do 22%.