Nova
17/12/2020
Institucionais

Lete Lasa anuncia que Deporte, Sanidade e Política Social traballan no programa de prescrición de exercicio para persoas maiores de 60 anos que verá a luz en 2021

  • O obxectivo prioritario da Xunta, a Fundación Deporte Galego, Galicia Saudable e DAFIS é “mellorar a saúde e a calidade de vida de todos os segmentos de idade da nosa poboación”

Santiago, 17 de decembro de 2020-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, inaugurou no serán de hoxe de xeito virtual as II Xornadas da Cátedra SXD Galicia Activa sobre "Exercicio Físico e envellecemento: Evidencias sobre a efectividade de programas de intervención" que contou con 150 participantes. Alí, anunciou que a Secretaría Xeral xa está traballando coa Consellería de Sanidade e convidou á Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social para levar a cabo o programa de prescrición de exercicio para persoas maiores de 60 anos, seguindo as directrices da Organización Mundial da Saúde e coa plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable) como referencia de base para esa prescrición e seguimento da mellora da saúde a través da actividade física. Un programa, dixo, que verá a luz no ano 2021 e que porá en comunicación ao centro de saúde, técnicos locais, responsables de actividades, centros deportivos, concellos e servizos médicos para acadar o benestar da poboación en envellecemento. O obxectivo prioritario da Xunta, a Fundación Deporte Galego, Galicia Saudable e DAFIS é “mellorar a saúde e a calidade de vida de todos os segmentos de idade da nosa poboación”.

O secretario xeral lembrou a importancia deste programa para Galicia que é “unha das comunidades con maiores taxas de envellecemento e por tanto con maior necesidade de achegar medidas que redunden na mellora da calidade de vida das persoas maiores”. Lete Lasa advertiu que “un dos principais factores de risco de fraxilidade e discapacidade funcional nos maiores é a inactividade física” polo que recomendou o exercicio físico e a nutrición (dieta atlántica) como “instrumentos altamente eficaces para corrixir a deterioración da función muscular”. “Os programas de exercicio correctamente deseñados, poden axudar a atrasar e, mesmo, reverter a fraxilidade, á vez que melloran o benestar emocional e a calidade de vida dos pacientes e reducindo o risco, non só de deterioración funcional senón tamén cognitivo”, engadiu.

Esperanza de vida con boa saúde

Na súa intervención, o mandatario galego fitou cara os datos de esperanza de vida en España que a sitúan entre os tres primeiros países do mundo (xunto con Xapón e Suíza) cunha media de 82,83 anos. Ao fío desta idea destacou a importancia nestes datos da mellora dos sistemas de saúde e felicitou ao Sergas e á Consellería de Sanidade pola eficiente xestión que están a realizar da pandemia do coronavirus, conseguindo que Galicia sexa a sexta comunidade en menor incidencia do virus, a segunda con menor positividade nas probas e os primeiros con menor ocupación hospitalaria.

No entanto, Lete Lasa incidiu en que o obxectivo da Xunta é acadar unha maior esperanza de vida cun bo estado de saúde, polo que “un bo sistema sanitario necesita de bos programas sociosanitarios que redunden na prevención e na protección da saúde”.

Galicia Saudable e DAFIS

Así, o secretario xeral lembrou como hai oito anos aprobábase o Plan Galicia Saudable para o Fomento da Actividade Física como un plan estratéxico co obxectivo prioritario de crear as condicións para que a poboación galega goce dunha vida máis activa, que permita conservar a saúde e a autonomía persoal, gozar de maior benestar e calidade de vida, previr e reducir a presenza de enfermidades relacionadas co sedentarismo.

Deste xeito, Lete Lasa falou dun dos produtos estrela do Plan Galicia Saudable como é DAFIS, unha plataforma baseada nun sistema de vixilancia da saúde a partir da avaliación e rexistro de indicadores de condición física. No caso dos nenos, esta avaliación realízase a través dos profesores de educación física, no desenvolvemento da súa materia nos centros adscritos ao programa de innovación educativa de vida activa e deportiva da Consellería de Educación. Os resultados desta avaliación son accesibles para o pediatra do neno avaliado, permitindo a análise e realización das actuacións necesarias conxuntas.

DAFIS rexistra actualmente case 30.000 avaliacións correspondentes a máis de 17.000 nenos, sendo premiado con accésit no 2013 e 2019 pola Estratexia Naves do Ministerio de Sanidade. Ademais, no ano 2018 foi seleccionado como boa práctica pola propia OMS, a través da súa oficina europea, e en particular no referido á súa aplicación no ámbito escolar. Cómpre salientar tamén o interese doutras comunidades autónomas por DAFIS coas que se asinarán convenios de colaboración para establecer unha rede de intercambio, experiencias e proxectos no ámbito escolar.

O obxectivo, dixo o secretario xeral, é “o de valorar ao 100% da poboación escolar cada ano, para poder traballar con cada neno de forma individual na mellora da súa saúde a través da actividade física, o exercicio físico ou a práctica deportiva que máis sexa da súa agrado”.

Cátedra SXD

O responsable da carteira de Deportes tamén fixo referencia á importancia da Cátedra SXD Galicia Activa, co-dirixida por Eliseo Iglesias Solar e Manuel Avelino Giraldez Garcia, profesores da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, e organizadora desta xornada sobre envellecemento activo.

A cátedra, constituída en setembro de 2018 mediante a firma dun convenio entre a Universidade da Coruña e a Fundación Deporte Galego, achega soporte científico-técnico a diferentes iniciativas desenvolvidas desde a Fundación Deporte Galego no ámbito do uso da actividade física e o exercicio como recursos eficaces para a mellora da saúde da poboación galega.