Nova
04/12/2021
Institucionais

Lete Lasa anuncia que o Centro Galego de Vela verá duplicado o seu investimento tras un ano inesquecible para vela galega

A Secretaría Xeral para o Deporte recibe o premio ao ‘Mellor proxecto de promoción’ pola Regata da Muller, unha competición que “naceu, precisamente, en Vilagarcía tras a aposta da Xunta polas embarcacións Elliot de 6 metros para impulsar ás mulleres regatistas galegas”

 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de decembro de 2021.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe na Gala da Vela Galega 2021 na que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia recibiu o premio ao ‘Mellor proxecto de promoción da vela’ pola Regata da Muller, unha competición que, segundo Lete Lasa, “naceu, precisamente, en Vilagarcía de Arousa tras a aposta do Goberno galego polas embarcacións Elliot de 6 metros para impulsar ás mulleres regatistas galegas e tras o éxito do  Europeo Júnior de 2019 de 420 y 470”.

Deste xeito lembrou como en 2011, a Xunta de Galicia e a Real Federación Galega de Vela adquiriron dous barcos Elliot de 6 metros para as regatistas galegas, unha aposta que desembocou na medalla de ouro de Támara Echegoyen e Sofía Toro na clase Match Race en Londres 2012. No ano 2014, a Real Federación Española de Vela enviou ao Centro Galego de vela os seus catro barcos Elliot de 6 metros ante a noticia de que en Río 2016 xa non competiría esta clase de embarcacións. A federación galega, dixo Lete, “soubo reutilizar estes barcos ao longo dos anos sen que perderan o seu valor” e mesmo adquiriunos en propiedade o ano pasado. Deste xeito, cos seis barcos Elliot de 6 metros e coa colaboración da Xunta , naceu a Regata da Muller que hoxe recibe o premio da federación para “pechar este círculo de maneira perfecta”.

O secretario xeral destacou o traballo da vela galega en pro da igualdade e salientou esta competición feminina que “seguirá sendo un referente en todo o país”. Ademais, nun ano tan importante como o 2021, subliñou o papel de Támara Echegoyen, Iago López Marra e Nico Rodríguez en Toquio, dos que dixo, ser “un dos mellores regatistas do mundo e que en París 2024 volverán loitar pola medalla”.

Neste sentido tamén gabou os éxitos de Patricia Suárez (49er FX) e Tomás Vieito (IQ Foil) aos que identificou como “outras das melores bazas galegas para Paris” e mirou con optimismo cara outros máis novos como Martin Wizner e Pablo García que “pronto estarán tamén nunha cita olímpica”. “Eles serán as caras máis recentes dunha lista que xa vai por once regatistas olímpicos”, dixo. 

No transcurso do seu discurso, Lete Lasa anunciou unha subida do convenio para 2022 coa Real Federación Galega de Vela -que en 2021 xa recibiu a maior contía desde 2009- e destacou que o investimento para os gastos correntes do Centro Galego de Vela, veranse incrementados nun 100%, ao pasar de 30.000 euros ata os 60.000 no vindeiro ano.