Nova
15/02/2022
Institucionais

Lete Lasa asegura que os Campionatos de España de Atletismo en Ourense volverán ser “os mellores da historia”

Serán os quintos campionatos nacionais que acolle a “mellor pista cuberta de España” tras o sub 20 de 2018, o máster de 2019, o absoluto de 2020 e o máster de 2022

Ourense, 15 de febreiro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou na mañá de hoxe o LVIII Campionato de España Absoluto de Atletismo en pista cuberta que terá lugar na pista de Expourense os vindeiros 25, 26 e 27 de febreiro de 2022 e que, “de seguro, converterase no mellor campionato de atletismo de España da historia, como xa ocorreu nesta mesma pista no ano 2020”.

O mandatario galego destacou a importancia da pista cuberta de Expourense -instalada pola Xunta de Galicia en decembro de 2017 e na que o Goberno galego investiu preto de 4,5 millóns de euros- que xa acolleu unha trintena de campionatos autonómicos e un total de cinco campionatos de España: o sub 20 de 2018, o máster de 2019, o absoluto de 2020, o máster de 2021 e, de novo, este absoluto de 2022 que “traerá aos mellores atletas do panorama nacional a Ourense”. Neste sentido, Lete Lasa subliñou a “intelixencia” de cidades como Ourense que apostan polos usos polivalentes e a compatibilidade dos recintos feirais como tamén ocorre no rocódromo do Pazo de Feiras de Lugo que “tantas posibilidades achega aos cidadáns galegos concedéndolles unha instalación para manterse en forma e acadar unha vida activa e saudable, pero tamén para satisfacer as súas necesidades expositivas e feirais”.

Lete Lasa asegurou que este LVIII Campionato de España Absoluto representa a continuidade dun ano extraordinario para o atletismo galego como foi o 2021 no que se cumpriron os cen anos da Federación Galega de Atletismo e no que se celebraron os Xogos de Toquío coa primeira medalla olímpica para o atletismo galego, a de Ana Peleteiro en triplo salto, así como unha das mellores participacións paralímpicas da historia.

O responsable da carteira de Deporte da Xunta lembrou que o Goberno seguirá apostando pola renovación do mapa de infraestruturas de Galicia. Neste sentido destacou a vindeira renovación da pista de atletismo da USC (Santiago) cun convenio de colaboración de medio millón de euros; a licitación do módulo cuberto de atletismo en Ribeira (A Coruña); os compromisos da primeira pista homologada da Mariña, en Cervo (Lugo); así como da nova pista da Estrada (Pontevedra); as obras nas pistas de atletismo de Negreira (A Coruña) ou Cangas (Pontevedra) e a adxudicación do módulo cuberto do IFEVI en Vigo que dotará ao atletismo vigués dunha instalación de referencia ante as continuas trabas do concello.