Nova
10/02/2022
Institucionais

Lete Lasa asegura que os cinco atletas máster que veñen de acadar récords do mundo representan o “éxito da sociedade activa de Galicia”

O cominado galego de 4x800 máster 65 e Esther Pedrosa en 800 e 3.000 metros máster 60, acadaron na pista cuberta de Expourense as súas plusmarcas mundiais

Santiago, 10 de febreiro de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, acompañado polo presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, entregou na mañá de hoxe senllos diplomas conmemorativos aos atletas máster galegos que veñen de acadar récords do mundo. Para o mandatario galego, estes récords demostran o “éxito do deporte galego, situando á nosa comunidade como unha referencia en todo o mundo, pero tamén da nosa política de deporte para toda a vida na que levamos tantos anos traballando e que é a base do noso programa Galicia Saudable a través do que construímos unha sociedade activa”.

Por unha banda, Lete Lasa felicitou ao combinado galego máster 65 de 4x800, conformado por Pablo Fervenza (Samertolameu), Domingo Álvarez (Burgas Ourense), Nemesio Gutiérrez (Atletismo Friol) e Xosé Luís Otero Cepeda (Atletismo Santiago) que bateron hai un mes a plusmarca mundial de 4x800 en pista cuberta no XXXII Campionato de España Máster, cun novo rexistro de 10:41.58, superando en máis de 17 segundos a anterior marca.

Pola outra, o mandatario galego recoñeceu o gran traballo de Esther Pedrosa no tartán como demostran os seus récords do mundo máster 60 en 800 metros (no I Encontro de atletismo máster SPORTUR GALICIA) e 3.000 metros (no XXXII Campionato de España Máster), tamén en pista cuberta.

Lete Lasa salientou que estes tres récords do mundo conseguíronse na pista cuberta de Expourense, á que definiu como “a mellor pista cuberta de España e a que conta coa tecnoloxía máis moderna”. Neste sentido subliñou a capacidade da pista, na que a Xunta xa investiu máis de 4,3 millóns de euros e na que xa se bateron importantes plusmarcas e que será o mellor escenario para o LVIII Campionato de España Absoluto en pista cuberta que volverá celebrarse en Ourense do 25 ao 27 de febreiro.

“Unha vez máis os atletas máis experimentados dannos unha lección de deporte e de vida da que, de seguro, tomarán boa nota os nosos mellores atletas absolutos como Peleteiro, Ben ou Toimil para acadar grandes resultados no Campionato de España que volverá acoller Ourense a finais deste mes”, apuntou.