Nova
07/04/2022
Institucionais

Lete Lasa asegura que os máis novos son "a saúde e a esperanza para que Galicia siga respirando balonmán polos catro costados"

O secretario xeral para o Deporte despediu na Cidade da Cultura de Galicia ás seleccións infantil, cadete e xuvenil que competirán do 9 ao 14 de abril no Campionato de España de Seleccións Autonómicas CESA 2022

Santiago, 7 de abril de 2022.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa,      participou no serán de hoxe no acto de despedida ás seleccións galegas de balonmán infantil, cadete e xuvenil que competirán do 9 ao 14 de abril no Campionato de España de Seleccións Autonómicas CESA 2022. 

O mandatario galego fixo un percorrido pola historia do balonmán galego dende o seu nacemento ata o día de hoxe, destacando os grandes fitos que se produciron ao longo dos anos. Deste xeito lembrou como, en 1984, “20 anos antes de que naceran os xuvenís”,  se constituía a Federación Galega de Balonmán; en 1989, “20 anos antes de que naceran os infantís”, tiña lugar en Pontevedra o Mundial Júnior de Balonmán que volveu a realizarse en 2019; que en 1996, “dez anos antes de que naceran os cadetes” na Liga Asobal comparecían catro equipos galegos ou que mesmo en 2017, “dez anos despois do nacemento dos cadetes”, o Guardés acadaba o gran logro do balonmán feminino gañando a Liga Iberdrola.

O secretario xeral lembrou o bronce da selección xuvenil masculina de 2018, ou as pratas dos cadetes masculinos e femininos de 2019 para asegurar que, despois dun 2021 no que non se celebrou o CESA por mor da pandemia, os rapaces e rapazas galegos demostrarán “a toda España que Galicia é capaz de derrotar as dificultades que nos puxo o Covid e a outras dezaseis comunidades autónomas para volver pisar os caixóns máis altos do podio”.

Lete Lasa asegurou que os nenos e nenas que hoxe se deron cita na Cidade da Cultura de Galicia son “esperanza e xuventude da nosa terra, o cimento para que Galicia siga respirando balonmán polos seus catro costados e que siga sendo un dos deportes máis practicados da nosa comunidade con case 5.000 licenzas federativas”.