Lete Lasa asina o contrato de patrocinio para a realización das Ligas de Baloncesto e Fútbol Sala 2019 de Special Olympics Galicia cunha achega de 4.000 euros
-
Xuntos, dixo, “queremos propoñer adestramento diario e competicións deportivas co fin de mellorar as condicións físicas e psíquicas das persoas con discapacidade, co obxectivo final de integralos na sociedade con aceptación e respecto e proporcionarlles oportunidades para converterse en cidadáns activos de pleno dereito”
Pontevedra, 30 de xullo de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou esta mañá co presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, o contrato de patrocinio das Ligas de Baloncesto e Fútbol Sala 2019 polo que a Xunta de Galicia financiará á entidade cunha achega de 4.000 euros. As Ligas, dirixidas a deportistas con discapacidade intelectual, comezan no mes de marzo e rematan en novembro de cada ano natural e contan coa participación de máis de 200 deportistas, ao redor de 50 adestradores, máis de 100 voluntarios e coa colaboración de 20 entidades -San Vicente, Prodeme, Aspnais, Aspanane e Eu Son en Lugo; Amicos, Amipa, Adcor, Apader, Aspadisol, Aspas, Aspronaga, Chamorro e Pai Menni na Coruña; As Burgas e Aspanas en Ourense; San Francisco, Juan María, Con eles e Aspavi en Pontevedra-.
As Ligas de Baloncesto e Fútbol Sala de Special Olympics lévanse a cabo grazas aos convenios asinados coa Federación Galega de Baloncesto e a Real Federación Galega de Fútbol. Grazas a estes acordos ambas modalidades deportivas pasan a ser protagonistas oficiais en programas de acción social. Un dos principais obxectivos das Ligas é a práctica do deporte unificado, onde participan nun mesmo equipo deportistas con e sen discapacidade, fomentando o carácter inclusivo e integrador do deporte.
O mandatario galego gabou o traballo de Special Olympics Galicia desde que se creou como entidade xurídica propia no ano 2000, a pesares de que na comunidade galega xa se levaban a cabo actividades para deportistas con discapacidade desde moito antes grazas aos convenios asinados por Special Olympics España con diferentes entidades galegas.
Neste sentido, Lete Lasa destacou o irmandamento entre Xunta e Special Olympics nun dos seus obxectivos primordiais: “a inserción social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual, mediante a cultura, a práctica deportiva, o ocio e calquera outra actividade”. Xuntos, dixo, “queremos propoñer adestramento diario e competicións deportivas co fin de mellorar as súas condicións físicas e psíquicas, e co obxectivo final de integralos na sociedade con aceptación e respecto e proporcionarlles oportunidades para converterse en cidadáns activos de pleno dereito”.
O titular do deporte galego lembrou que a Xunta de Galicia traballa “día a día para mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional” e salientou que desde a Secretaría Xeral “o faremos do mellor xeito que sabemos: garantindo á accesibilidade ao deporte”. Neste 2019, a Federación Galega de Deporte Adaptado recibe un total de 78.882,74 euros, o que representa un 26% máis que o destinado en 2018.