Nova
09/03/2019
Institucionais

Lete Lasa asiste ao Campionato de España Máster en Pista Cuberta e participa na homenaxe rendida aos atletas máis veteráns

Antonio Marques é o atleta máis veterán do campionato con 90 anos cumpridos no día de onte e a súa dona María Luisa González é a máis veterana con 85 anos

Ourense, 9 de marzo de 2019-. O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asistiu no serán de hoxe á segunda xornada do XXX Campionato de España Máster de Atletismo en Pista Cuberta. Na pista de Expourense, o responsable do Deporte galego participou na pequena homenaxe que se lle brindou a Antonio Marques, o atleta máis veterán do campionato con 90 anos cumpridos no día de onte e mais a súa dona María Luisa González, tamén a atleta máis veterana da proba con 85 anos.

O mandatario galego felicitou aos dous deportistas pola súa traxectoria e volveu a poñer a súa vida como exemplo para os máis novos destacando que tanto Antonio como María Luisa representan “o que todos e todas queremos chegar a ser, persoas cheas de enerxía que conta cunha saúde de ferro despois de tantas décadas de vida”.

Así tamén, José Ramón Lete Lasa participou na entrega de medallas aos deportistas que acadaron o podio nas diferentes probas disputadas.