Nova
05/02/2019
Institucionais

Lete Lasa comina ao CSD a “afondar, mellorar e acordar con todo o sector” o texto do anteproxecto da Lei do deporte

O secretario xeral para o Deporte valora esta reunión como “moi proveitosa, xa que estamos nun momento no que todas as administracións responsables da ordenación do deporte debemos pronunciarnos para conseguir unha nova Lei que beneficie a todo o deporte español”

Madrid, 5 de febreiro de 2019.- O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na xornada de hoxe na segunda Conferencia Sectorial do Deporte. Na reunión mantida hoxe na sede do Consejo Superior de Deportes, debateuse sobre o regulamento de organización e funcionamento da Conferencia Sectorial, presentado en xullo de 2018 e acordado no pasado mes de novembro no ámbito da Comisión Sectorial. Ademais, o punto principal tratado na xuntanza foi o Anteproxecto da nova Lei do Deporte aprobado polo Consejo de Ministros o pasado 1 de febreiro. A reunión contou coa presenza do ministro de Cultura e Deporte, José Guirao, da presidenta do CSD, María José Rienda, así como dos responsables en materia de deporte das diferentes comunidades autónomas.

O secretario xeral para o Deporte felicitou ao CSD “pola tarefa realizada” ante a “necesidade dun novo marco legal para o noso deporte”, un proceso xa comezado na pasada lexislatura. Lete Lasa utilizou a súa quenda de palabra para cominar ao CSD a “afondar, mellorar e acordar” con todo o sector deportivo o texto do Anteproxecto da Lei do Deporte presentado para acadar medidas efectivas e eficientes que beneficien ao conxunto do deporte español”.

Nas súas verbas, o máximo responsable do Deporte galego marcou algúns dos puntos do Anteproxecto que merecen unha reflexión para avaliar se “se está a formular a opción máis correcta das posibles”.

Conferencia Sectorial

A Conferencia Sectorial do Deporte responde á necesidade de crear un órgano de cooperación en materia de deporte, con atención aos principios de lealdade institucional, cooperación e respecto recíproco no exercicio das competencias que as administracións teñen atribuídas.

José Ramón Lete Lasa valorou esta reunión como “moi proveitosa, xa que estamos nun momento no que todas as administracións responsables da ordenación do deporte debemos pronunciarnos para conseguir unha nova Lei que beneficie a todo o deporte español”.

“Debemos aproveitar esta oportunidade para mellorar a xestión e a coordinación deportiva tanto a nivel autonómico como nacional a través do consenso de todos os actores”, enfatizou Lete Lasa.